Inícianse os estudos xeotécnicos para a redacción do proxecto da nova estación intermodal de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A empresa PROYFE, S.L., adxudicataria do contrato de redacción do proxecto construtivo da nova estación de autobuses de Ourense, integrada na terminal de ferrocarril e polo tanto, intermodal, comezará hoxe os estudos xeotécnicos sobre o terreo para avanzar no seu cometido.

A redacción do proxecto construtivo supón un investimento de máis de 103.500 euros e conta cun prazo de execución de 6 meses, inclúe os traballos de levantamento topográfico; xeotecnia; e as redaccións dos proxectos básico e de execución.

Estas tarefas que hoxe se inician complementan aos traballos topográficos que se executaron no mes de maio. Estas acción definirán o deseño óptimo para a estación intermodal coa fin de facilitar aos cidadáns un intercambio áxil e eficiente entre os distintos modos de transporte.

Cómpre lembrar que no pasado mes de xuño, Xunta, Fomento e Concello de Ourense asinaban o convenio que garante a execución da estación intermodal desta cidade. Esta firma ratifica e pon sobre o papel a responsabilidade asumida por cada administración para levar a cabo as actuacións para que Ourense conte cunha intermodal de futuro e adaptada ás necesidades de transporte dos seus veciños

O proxecto de intermodal para Ourense supón achegar a estación de autobuses a unha ubicación máis céntrica e facilitar o intercambio de viaxeiros entre modos de transporte. As actuacións integrais no eido da intermodalidade inclúen a adaptación de andéns e de conexión entre barrios por parte do Adif.

A nova estación de autobuses situaríase xunto á estación ferroviaria. Segundo a análise dos estudos previos realizados pola Xunta de Galicia para avanzar na estación intermodal, a terminal de autobuses deberá contar con 19 dársenas. Ademais, construirase un edificio terminal duns 430 m2 e a superficie total chegará a 5.800 m2.

27 de xullo de 2016 | 18:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.