Infraestruturas remítelle ao Concello de Lugo unha proposta de convenio para a eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe ao Concello de Lugo unha proposta de colaboración para realizar as obras de acondicionamento na rúa Fisterra que permitirían eliminar o tapón urbanístico deste treito da estrada LU-114. Nesa proposta de acordo, a Xunta comprométese a financiar cun orzamento de máis de 86.700 euros os traballos, que acometería o municipio logo de asumir a titularidade da vía.
No seu escrito, a titular de Infraestruturas subliña que, se ben a LU-114 forma parte da rede autonómica de estradas, a súa funcionalidade xa non é servir de soporte á mobilidade interurbana, senón que, ao contrario, xa conta coas características propias dunha vía urbana. Por ese motivo o convenio proposto prevé a transferencia ao Concello de Lugo desta vía, que dá acceso ao polígono industrial das Gándaras e constitúe unha das arterias principais da cidade.
Nos 1,42 quilómetros de lonxitude desta infraestrutura viaria distínguense dous treitos diferenciados en canto á súa configuración: as rúas Monte Faro e Fisterra. A primeira conta con beirarrúas, pero na segunda hai un estreitamento na calzada e non dispón de beirarrúas.
Tendo en conta isto, a actuación proposta comprende a demolición dunha edificación e dun muro de contención, a construción do ensanche da calzada e da beirarrúa da marxe dereita, e a extensión dunha capa de rodadura entre os p.q. 1+280 e 1+420.
A Xunta, tal como explica a conselleira na carta, pretende resolver esta situación a través dun convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta, de modo que a Administración autonómica financie as obras e o municipio poña os terreos a disposición e asuma a titularidade da LU-114.











