Goretti Sanmartín valora cos Concellos as novas liñas da área de Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín destacou o incremento dun 70% de orzamentos destinados a concellos na área de Cultura da que é responsábel. “O fin é reforzar a autonomía municipal e a transparencia e obxectividade na xestión dos orzamentos”, dixo na súa intervención no acto de sinatura de convenios da Rede Cultural.

Os orzamentos da área de Cultura destinados aos Concellos a través das distintas liñas pasaron dos 2.660.000 euros do anterior exercicio aos 4.450.000 do presente, o primeiro despois do cambio de goberno do que se cumpre agora un ano. A vicepresidenta e deputada responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, aproveitou o acto de sinatura dos convenios da Rede Cultural con representantes dos Concellos –alcaldes, alcaldesas e concelleiros e concelleiras da área- para convocar unha xuntanza en que se avaliou a aplicación das novas liñas ademais de realizar un balance de resultados do primeiro ano de goberno.

“A vontade política da área de Cultura da Deputación é apoiar a autonomía dos concellos e reforzar a política cultural, en especial dos que teñen menos”, explicou Goretti Sanmartín na súa intervención na que destacou o incremento de orzamentos da área de Cultura destinados directamente aos Concellos por medio de liñas de subvención en concorrencia competitiva que se corresponde cunha progresiva diminución das subvencións nominativas, un dos obxectivos marcados polo novo goberno.

O orzamento destinado á Rede cultural aumentou así un 30% con respecto á edición anterior, ascendendo a 1,4 millóns de euros. En total, foron 550 entidades, empresas e compañías as que participaron na convocatoria. Na actual convocatoria a Deputación concedeu aos concellos, no ámbito profesional, 183 actuacións de música por un total de 361.919,74 €, 208 de teatro e títeres por 243.157, 51 €, 146 de danza profesional con 211.850,84 € e, finalmente, unha das novidades desta edición foi a introdución da programación de cine que se resolveu con 164 solicitudes para a que se destinan 64.338 €. No ámbito de propostas non profesionais, os concellos recibirán para a súa programación 129.464,50 € para 251 actuacións.

“Estamos a sentar as bases do noso modelo de política cultural e queremos facelo da man dos concellos e, por esta razón, queremos que a comunicación sexa continuada e abrimos a área as vosas suxestións para mellorar a xestión”, afirmou, no inicio no encontro que se desenvolveu a seguir da sinatura dos convenios da rede cultural.

Incremento en subvencións e novas liñas

Destacou tamén Goretti Sanmartín, o forte incremento no orzamento destinado a subvención en concorrencia competitiva coa creación de novas liñas ao tempo que diminuíron considerabelmente as subvencións nominativas. Lembrou que, ademais das xa existentes de actividades e investimentos, puxéronse en marcha cinco novas liñas de subvencións por valor de máis de dous millóns de euros (2.250.000 €), dúas delas abertas especificamente á concorrencia dos concellos mais todas destinadas a favorecer a programación continuada en todo o territorio. As novas liñas afondan tamén na creación de emprego no sector cultural, en especial a de Festivais e Museos e Centros de Interpretación, dirixidas directamente aos concellos.

A autonomía municipal na área de Cultura refórzase ao aumentar as partidas destinadas a actividades e investimentos que pasa de 500.000 do 2015 aos actuais 816.769, 75 nas primeiras e dos 400.000 do pasado exercicio aos 589.999,85 da segunda. Tamén a liña para contratación de animadores socioculturais experimenta un incremento de 175.000 euros pasando a 615.000 neste 2016 o que supuxo pasar de cantidade media concedida a cada concello de 7200 € en 2015 a preto dos 9.000. Pola súa parte,as escolas de música e danza municipais e os conservatorios de trinta concellos da provincia recibirán axudas este ano para o mantemento nun programa ao que a Deputación da Coruña destina 360.000 €.

Canto ás cinco novas liñas, destacou na súa intervención as dúas destinadas directamente aos concellos que son a de contratación de persoal para atención de museos e centros de interpretación á que se destinan 500.000€ e a de desenvolvemento de festivais de música,a artes escénicas e audiovisuais para a que se reservan 275.000 nunha convocatoria que ten o prazo aberto até o 15 de xullo.

Goretti Sanmartín adiantou na súa intervención que a área de Cultura da Deputación da Coruña está a estudar a creación de novas liñas específicas centradas no apoio á contratación de persoal para o reforzo e dinamización das bibliotecas municipais.

11 de xullo de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.