Fundamar presenta a ruta ‘Vigo Pesqueiro’ para dar a coñecer empresas e a tradición mariñeira da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar), en colaboración co Concello de Vigo, presentou o proxecto ‘Vigo Pesqueiro’, unha proposta pola que pretende poñer en marcha dende o próximo mes de novembro unha ruta turística para a promoción do sector pesqueiro extractivo no contexto da cidade.

Esta iniciativa, que está vinculada ao turismo industrial, foi presentada na mañá deste mércores na sede da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (Arvi) polo presidente dos armadores e de Fundamar, Javier Touza, quen asegurou que esta “novidade” é “gratificante” e está “repleta de tradición”.

‘Vigo Pesqueiro’, que se atopa nunha primeira fase de comunicar a idea para tratar de captar institucións, museos e empresas de distintos sectores en Vigo, consistirá nunha ruta na que se darán a coñecer as entidades e produtos colaboradores para así facer promoción da cidade e o sector pesqueiro, ademais de entreter e informar os visitantes sobre a tradición mariñeira e pesqueira da cidade.

Segundo destacou Touza, con este proxecto ofrecerase a oportunidade aos visitantes de que poidan coñecer e valorar “aínda máis” a “grande historia de homes e mulleres pioneiros” que realizan un traballo “duro e perigoso” no mar, e que representan “unha das esencias máis auténticas de -esta- terra: A Galicia mariñeira e pescadora”, que en Vigo “ten aínda máis forza”.

Así as cousas, apuntou que esta forma de turismo “peculiar” está dirixida a persoas curiosas que queren saber “o por que das cousas”.

“É un motivo máis para achegarse a Vigo e é unha experiencia única” que supón unha estratexia de mercadotecnia para as empresas e fai que os propios visitantes exerzan como “embaixadores desta cidade”, destacou.

No marco deste proxecto, Fundamar, que é unha entidade sen ánimo de lucro, asinou un convenio co Concello de Vigo e manterá en próximas datas reunións bilaterais con entidades, asociacións e empresas que desexen participar neste “proxecto ilusionante, inclusivo e totalmente aberto”.

PROXECTO “POTENTE”

O asistente técnico de Fundamar, José Antonio Marcote, comentou que este proxecto se enmarca na mercadotecnia territorial: Unha forma de vender o territorio vigués e “dar visibilidade ás empresas e os produtos”; así como de “mellorar a capacidade de atraer persoas e empresas”.

Finalmente, puxo en relevo que esta iniciativa, que está a dar os seus primeiros pasos, é un proxecto “dinámico e integrador, que pon en contacto moitas empresas”, e chamou a traballar “en común para sacar adiante un proxecto potente”.

6 de xullo de 2016 | 16:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.