Ethel Vázquez insta ao Concello de Vigo a sumarse ao Programa de vivendas baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de remitirlle ao Concello de Vigo unha misiva na que se insta a sumarse ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, en cumprimento coa proposición non de lei que debateu e aprobou o Pleno do Parlamento de Galicia o pasado 12 de xullo.

A iniciativa parlamentaria aprobada solicita ao Concello de Vigo que propoña, para a inclusión no dito programa, as vivendas de propiedade municipal que non se atopen ocupadas e que estean en disposición de ser habitadas, e que xestione a posible incorporación de inmobles de terceiros.

O Programa de Vivendas Baleiras é unha das 12 medidas que desde o Goberno galego se activou para facer fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda. Estas medidas están recollidas nun díptico informativo enviado aos municipios galegos, entre eles o de Vigo, e tamén foron abordadas na xornada celebrada na cidade olívica o pasado mes de abril.

Este programa ten como obxectivo facer dun conxunto de vivendas desocupadas unha bolsa de inmobles, incorporando casas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas para destinalas a alugueiros sociais.

Para que o alugueiro resulte de interese para o arrendatario, a Xunta achega garantías a estas vivendas, a través dun seguro de multirrisco do fogar e outro de cobro que inclúe asistencia xurídica. E, por outra banda, o inquilino pode acceder en condicións vantaxosas a unha vivenda de forma compatible con outras axudas autonómicas, como o Bono de Alugueiro Social.

29 de xullo de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.