Ethel Vázquez destaca a aposta da Xunta por avanzar no deseño e construción dunha intermodal singular e de referencia para a capital de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ethel Vázquez na presentación das alternativas de deseño para a intermodal

Ethel Vázquez na presentación das alternativas de deseño para a intermodal

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, ao que lle trasladou a necesidade de que a Xunta e o Concello camiñen da man no deseño e construción dunha intermodal singular e de referencia para a capital de Galicia.

Vázquez Mourelle indicou que neste momento, logo de varias semanas de traballo, xa se dispón do proxecto básico da terminal de autobuses bastante avanzado. Así, hoxe presentoulle ao rexedor compostelán as dúas alternativas de deseño da intermodal para que o Concello traslade as súas consideracións coa fin de acadar a mellor integración co contorno e cunha óptima resposta ás necesidades dos composteláns.

Nesta reunión, dende a Xunta explicáronlle ao Concello todas as cuestións técnicas que fundamentan as solucións adoptadas en relación co número de dársenas, os itinerarios peonís, os accesos e a integración urbana coa cidade e coa estación de ferrocarril. Así, respostáronse todas as dúbidas que o Concello de Santiago plantexou sobre o desenvolvemento desta infraestrutura.

Dende o Goberno galego reiterouse a necesidade de que o Concello achegue unha proposta para a configuración dos accesos, ao que se comprometeu a Administración local.

A conselleira destacou que é imprescindible contar coas achegas e coa colaboración do Concello para axilizar a construción da nova terminal de autobuses, xa que a previsión da Xunta é poder iniciar as obras o ano que vén e avanzar así no desenvolvemento da estación intermodal que Compostela necesita.

Cómpre lembrar que a mediados de xuño selouse a colaboración entre Ministerio de Fomento, ADIF, Xunta e Concello, asinando un convenio que garante e blinda a construción da estación intermodal de Santiago.

Ethel Vázquez salientou que é preciso traballar, cumprindo coas obrigas que asumidas, para lograr un obxectivo prioritario e compartido: construír unha terminal de autobuses que satisfaga de modo eficiente as demandas de mobilidade dos veciños de Santiago.

O Goberno galego axilizou ao máximo a construción do que está chamada a ser unha infraestrutura estratéxica para a cidade. Neste sentido, a Xunta leva tempo traballando de forma constante e continua para impulsar a intermodalidade: xa se finalizaron os estudos previos e de necesidades da nova terminal de autobuses o ano pasado; contratouse a redacción do proxecto básico e de execución da terminal de autobuses no pasado mes de abril; e impulsouse o acordo entre as distintas administracións competentes para o reparto das tarefas.

18 de xullo de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.