Dispárase a presentación de orixinais ao Premio de Narrativa da Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Un 76% é o incremento de orixinais presentados en galego nesta edición do Premio de Narrativa Torrente Ballester, unha vez que o actual goberno da Deputación da Coruña decidiu crear unha modalidade exclusiva na nosa lingua fronte á situación actual na que competían galego e castelán ao mesmo premio.

A creación do Premio Torrente Ballester en lingua galega fixo aumentar o número de orixinais presentados ao certame de narrativa da Deputación da Coruña que se o pasado ano recibirá 45 novelas, nesta nova edición son 80 as que compiten ao premio mellor dotado economicamente do panorama literario galego.

Despois de vinte e sete edicións, a Área de Cultura da Deputación da Coruña decidiu crear dúas modalidades de premios, conservando unha convocatoria en español á que na anterior edición se presentaran 612 orixinais fronte aos 45 galegos e creando un novo premio exclusivamente na nosa lingua que ve así incrementada nun 76% as obras a concurso. Das vinte e sete edicións convocadas, só sete teñen como gañadora unha obra en galego.

“As cifras correspóndense coa boa aceptación coa que a convocatoria se recibiu no noso mundo literario que demandaba unha decisión neste camiño. Quixemos que a literatura na nosa lingua estivese en pé de igualdade con calquera outra literatura. A convocatoria foi creada para recoñecer e promover a creación literaria de narrativa en galego”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

20 de xullo de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.