publicidade hoxe

Deputación e Concello de Ferrol estudan vías de colaboración para impulsar un centro de coworking en Porta Nova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

A Deputación da Coruña “estudará con interese” o proxecto do Concello de Ferrol para instalar na planta alta do antigo centro comercial Porta Nova, actualmente sen uso, un novo espazo de coworking para emprendedores da comarca.

Así o anunciou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, ao remate da reunión de traballo que mantivo no seu despacho co alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e as concelleiras de Urbanismo e de Patrimonio da cidade naval, María Fernández Lemos e Rosa Méndez.
Valentín González e Jorge Suárez cualificaron de “cordial e produtiva” a reunión e destacaron a “excelente relación” existente entre ambas administracións. O rexedor ferrolano subliñou “a nova forma de facer as cousas da Deputación” con “ánimo de construir”.

O principal asunto abordado na reunión foi a posibilidade que o Concello e Deputación colaboren na posta en marcha dun novo espazo de coworking na planta superior do antigo centro comercial Porta Nova, co obxecto de que se asenten alí iniciativas emprendedoras vinculadas á innovación e ás novas tecnoloxías, o que supón “unha aposta de diversificación” fronte ao “monocultivo do naval” nunha cidade cun “deterioro socioeconómico grave debido ao incremento do desemprego e a perda de poboación”, segundo o alcalde, que manifestou a súa intención de buscar tamén o apoio doutras entidades para este proxecto, como a Cámara de Comercio.

Encaixalo no Plan de Emprego provincial

Pola súa banda, González Formoso afirmou que Ferrol está contando xa co apoio da Deputación “en cuestións que o Goberno municipal considera prioritarias” e sostivo que “estudará con interese o proxecto”, que “podería encaixar” dentro das accións do Plan de Emprego Local (PEL) 2016-2019, impulsado polo actual Goberno provincial co obxectivo de favorecer a creación de emprego nos sectores público e privado.

Entre outras medidas estratéxicas, O PEL contempla accións de apoio á creación de novas iniciativas empresariais, fomento de viveiros e incubadoras de empresas e posta en marcha de novos espazos de coworking que fomenten as sinerxias empresariais na provincia. Dada a coincidencia nos seus obxectivos, Concello e Deputación explorarán a posibilidade de articular liñas de colaboración a través deste plan.

O proxecto presentado polo alcalde de Ferrol inclúe a dotación de 10 locais de coworking, 4 aulas modulares subdivisibles e un local multiusos, ademáis dun espazo de recepción-información e salas de reunión, nos 1.485 metros cadrados cos que conta a parte alta do inmoble.

Outros asuntos

Outros asuntos abordados na reunión desta mañá foron as obras da estrada de Serantes, actualmente en execución, nas que a Deputación inviste 192.813 euros, e que inclúen a ampliación da calzada nos primeiros 60 metros e a construción de beirarrúas e dun tramo de aparcamento. O alcalde de Ferrol afirmou que se trata dun proxecto “prioritario” para os veciños ao que se está a dar “un impulso definitivo” por parte da Deputación.

11 de xullo de 2016 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.