Deputación de Pontevedra, Concello de Tomiño e Vila Nova de Cerveira asinan un protocolo para o concurso internacional de ideas da nova ponte peoníl sobre o Miño
A Deputación de Pontevedra, o Concello de Tomiño e a Câmara de Vila Nova de Cerveira asinarán este venres un protocolo de colaboración para realizar o concurso de ideas que definirá a imaxe da nova ponte peonil sobre o río Miño. O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, explicou hoxe que a institución provincial apoiará financeiramente o concurso do proxecto, que opta aos fondos europeos do programa Interreg V A (POCTEP) España-Portugal 2014-2020.
Segundo explicou o representante provincial, a Deputación porá en marcha este ano o concurso de ideas para a selección do proxecto da ponte, elaborando os requisitos do prego de condicións e contratando os estudos xeotécnicos, topográficos, así como de calquera outra índole técnica para realizar o traballo. A decisión de optar por un concurso de ideas para esta construción debeuse, en palabras de Benítez, á súa “trascendencia e simbolismo” tanto polas características ambientais que terá como polos obxectivos estratéxicos de cooperación transfronteiriza dos concellos implicados e da propia Deputación provincial.
O obxectivo da construción da ponte é a unión do Parque Castelinho de Vilanova de Cerveira e o Espazo Fortaleza de Tomiño, dous espazos de ambas beiras do rio Miño que se unirán nunha única área de lecer e esparexemento, de carácter singular e proxección eurorexional. Esta será unha localización xestionada de xeito conxunto para promocionar iniciativas de animación cultural e tradicionais, de ocio, deporte, coñecemento da memoria ambiental do río comúns dos dous lados do río. “Preténdese fomentar a identidade europea, o sentido de pertenza común dun espazo que naturalmente xa constitúe unha unidade, -asegura Benítez- xa que se trata do treito máis estreito do río, con só 180 metros de distancia, que a xente historicamente percorría a nado porque consideraba súas tanto unha beira como a outra”.
Así, a realización da nova infraestrutura peonil permitirá incrementar as relacións entre ambas comunidades cunha comunicación directa dos núcleos urbanos de Goián-Tomiño e de Vilanova de Cerveira. Ademais, a ponte facilitará a comunicación eurorrexional ferroviaria, xa que a estación da vía Vigo-Porto (en proceso de modernización) está situada nas inmediacións do Parque de O Castelinho e pasará a ser facilmente accesible para os veciños da contorna.
A construcción da nova ponte vén de presentarse para cofinanciamento á primeira convocatoria do programa INTERREG VAI España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 como parte dunha acción denominada ‘Cualificación e promoción do Parque Transfronteirizo Castelinho-Fortaleza’, dentro da candidatura denominada ‘Conservación e Mellora do Río Miño Transfronteirizo. Visit Río Minho’. Esta foi promovida pola Deputación de Pontevedra xunto á Comunidade Intermunicipal de Alto Minho (CIM) e municipios portugueses do río en xaneiro deste ano.
Hai que lembrar que a Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño 2015-2010 establecía a construción dunha ponte-travesía peonil como un dos obxectivos prioritarios, xa que “axuda a promover as relacións sociais, comerciais e culturais existentes entre as dúas comunidades”. Así mesmo, cumpre tamén outro eixo estratéxico relativo á mobilidade transfronteiriza, xa que fomenta a mobilidade a pé entre os núcleos de Vilanova de Cerveira e Goián, ademais do transporte público a motor e mediante o tren.
Os fitos máis recentes de cooperación transfronteiriza entre os concellos de Tomiño e Cerveira fixéronse efectivos na firma da Carta da Amizade Cerveira-Tomiño (2014), a construción da Ponte da Amizade en 2004 -infraestrutura para a comunicación rodada-, e a elaboración conxunta de a Axenda Estratéxica de Cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño 2015-2020.
O acto deste venres desenvolverase a partir das 12.30 horas no Espazo Fortaleza de Goián, onde se asinará o protocolo pola presidenta da Deputación, Carmela Silva; o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira, João Fernando Brito; e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Posteriormente as autoridades trasladaranse en barco ao parque do Castelinho, onde haberá un ‘vinho verde de honra’.