Covadonga Toca salienta en Lugo os valores de esforzo mutuo e igualdade do cooperativismo na xornada de portas abertas deste sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Lugo na xornada de portas abertas nas cooperativas, unha iniciativa que, xunto ao Consello Galego de Cooperativas, promove a Xunta. Esta actuación forma parte do programa que se está a levar a cabo para conmemorar mañá o Día do Cooperativismo, no que se entregarán os Premios á Cooperación 2016.

Toca visitou a cooperativa lucense Bico de Grao, un espazo de venda xestionado por 3 mulleres dedicado aos produtos ecolóxicos a granel e de xestión comunitaria de servizos, co obxectivo de crear unha rede de consumo responsable en Lugo. Bico de Grao é unha das preto de 30 cooperativas que se adheriu a esta xornada de portas abertas na que se difundiu entre a cidadanía os beneficios do cooperativismo.

É unha iniciativa de apertura social na que o público en xeral puido visitar as instalacións das cooperativas da man das propias persoas socias ou traballadoras, que se encargaron de explicar a súa forma de traballar.

Con esta iniciativa, tanto o Goberno galego como o Consello Galego de Cooperativas poñen de manifesto a súa aposta por unha fórmula de gran valor social, e que ademais ten demostrado a súa resistencia fronte a crise económica. Toca salientou os valores que promove o cooperativismo prestando especial atención ao esforzo mutuo e igualdade.

A secretaria xeral de Emprego explicou, ademais, que unha das prioridades da Axenda 20 para o Emprego, a planificación da Xunta no eido laboral, é impulsar a Economía Social, que aglutina a 7.000 entidades e 320.000 persoas. Para iso, esta folla de ruta reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector.

A Xunta pretende potenciar ás empresas de Economía Social polo seu compromiso co territorio, fomentando as de base tecnolóxica e innovadora e de emprendemento industrial con atención ás destinadas ao rural.

1 de xullo de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.