Covadonga Toca pon en valor en Abegondo o esforzo das cooperativas para contribuír ao desenvolvemento económico
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, visitou hoxe en Abegondo o o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e a cooperativa Lúpulo Tecnoloxía de Galicia (Lutega), onde resaltou o traballo e esforzo das cooperativas por contribuír ao desenvolvemento económico e a competitividade da Comunidade.
Toca destacou a fortaleza do cooperativismo, un sector que demostrou a súa resistencia á crise económica, ao tempo que resaltou que segue a ser unha peza clave para dinamizar e modernizar as zonas rurais. Na actualidade existen en Galicia 1.266 cooperativas activas que acollen preto de 90.000 socios e da un emprego directo a máis de 10.000 persoas. Así mesmo, salientou que este modelo de negocio foi pioneiro en romper brechas como a de xénero, equiparando por completo os dereitos e obrigas de homes e mulleres.
Para seguir a contribuír ao desenvolvemento da Economía Social, a secretaria xeral de Emprego lembrou que a Xunta está a investir este ano 5,4 millóns de euros para promover esta fórmula empresarial prioritaria na Axenda 20 para o Emprego. Apuntou, así mesmo, que o Goberno galego está a traballar, de man dos axentes sociais implicados, na Estratexia Galega de Impulso ao Cooeprativismo 2016-2020. Esta planificación inclúe 87 medidas para que estas empresas gañen tamaño e poidan abrise a novos mercados. Segundo explicou, esta folla de ruta potenciará, polo tanto, a competividade e internacionalización do sector fomentando a cultura cooperativa, o emprendemento, o autoemprego, a mellora da xestión, o financiamento e a colaboración institucional.
“Queremos impulsar a creación de empresas cooperativas en sectores emerxentes como son o Bio, o TIC, o medio ambiente ou o cultural”, subliñou.
Estas actuacións enmárcanse na nova Lei de Economía Social coa que a Xunta está a promover especialmente o cooperativismo xuvenil. Para rematar, Toca reafirmou o compromiso do Goberno galego para sacar adiante e apoiar o crecemento do cooperativismo. “O espírito de equipo é o que dá a moitas empresas unha vantaxe sobre os seus competidores”, afirmou.