publicidade hoxe

‘Corazón da Artesanía’ ofrecerá na súa V edición a posibilidade de iniciarse nos oficios artesanais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

O V Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que se celebra nos Pendellos de Agolada (Pontevedra) entre os días 8 e 10 de xullo, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, contará entre o seu amplo programa de actividades con talleres gratuítos para iniciar a adultos e aos máis pequenos en diferentes oficios artesanais centrados na talla en pedra, a cerámica, o traballo co papel, a encadernación ou a gastronomía.

Para os nenos e nenas, a artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá o taller “Elaboración e decoración de barquiñas de cartón”, as súas recoñecidas barquiñas cobrarán vida coas acuarelas que manexarán os nenos nenas que se acheguen ao seu pendello. O obradoiro realizarase durante os tres días da feira en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Ademais, os artesáns María José Martínez (Vigo) e José Antonio Carrera (Vigo) encargaranse da actividade “Elaboración de papel e encadernación artesanal”, que se realizará o venres, o sábado e o domingo de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Este obradoiro ten o obxectivo de ensinarlle ao público infantil a orixe da elaboración do papel e achegarlles técnicas básicas de encadernación.

A tarde do domingo, de 18:00 a 19:30 horas, no pendello O Paladar a cociñeira do Restaurante Paprica de Lugo, Belén Morandeira, impartirá un obradoiro de elaboración de comida xaponesa para nenos e nenas de 8 a 12 anos no marco do proxecto Artesanía no Prato. Este obradoiro require inscrición previa na web www.comunic-artecomunicacion.com.

Para o público maior de idade, o artesán canteiro Marcos Escudero do obradoiro M´Arte, impartirá de venres a domingo un obradoiro de talla en pedra ao público que desexe coñecer as técnicas básicas deste oficio para darlle vida á pedra seguindo os consellos deste experto artesán de Mos (Pontevedra). O horario do obradoiro é de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Para toda a familia tamén haberá oportunidade de realizar obradoiros en conxunto, como o de Iniciación ao torno cerámico que impartirán os ceramistas Susana González (A Coruña), Antón Román (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo). O horario do obradoiro é de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, de venres a domingo.

A quinta edición do Corazón da Artesanía, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings.

A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte da estratexia da Consellería de Economía, Emprego e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal.

1 de xullo de 2016 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.