‘Como pez en el agua‘ recibe un dos premios do certame Comercio con talento

Sol Vázquez entregando o certificado ás responsables do establecemento
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá en Santiago á tenda taller artesá Como pez en el agua un dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos.
Os alumnos autores dos proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini. A tenda de artesanía Como pez en el agua, que abriu as súas portas en 2005 e foi recoñecida nos últimos anos en Santiago en concursos de escaparatismo e ambientación, foi proposta por Nuria Vila, alumna do Grao Superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do IES Pontepedriña de Santiago. Deste centro é tamén Paula Martínez, que resultou tamén premiada nesta edición ao propoñer á A cesta da saúde, na rúa Ramón Cabanillas de Santiago.
No seu traballo, Nuria Vila destaca que Como pez en el agua aposta polo gusto e a orixinalidade nos seus produtos, así como polo coidado co que elabora cada unha das pezas que vende na tenda.
O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha diferentes programas de axudas para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial.











