Comezan os estudos xeotécnicos para avanzar na redacción do proxecto da intermodal de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A empresa IDOM, Ingeniería y Consultoría S.A., adxudicataria do contrato de redacción do proxecto construtivo e de execución da nova estación de autobuses de Santiago, comezou hoxe os estudos xeotécnicos sobre o terreo para avanzar nestes traballos.

O concurso foi convocado a finais de decembro, coa publicación no DOG, cun orzamento de 307.000 euros e se presentaron 18 empresas, sendo esta empresa a que gañou cunha oferta de 215.129,20 euros. Prevese un prazo de 4 meses para a redacción do proxecto básico, dentro dun período total de 7 meses para o proxecto construtivo da estación intermodal de Santiago. Os traballos inclúen o levantamento topográfico, a xeotecnia e as redaccións dos proxectos básico e de execución.

Estes estudos de carácter xeotécnico que veñen de comezar complementarán os traballos topográficas, xa executados, determinando así a idoneidade das solucións construtivas que se decidan, tanto a nivel de proxecto básico como a nivel de proxecto de execución.

Cómpre lembrar que a semana pasada a Xunta presentoulle ao Concello de Santiago as alternativas de deseño da estación para que realice as súas achegas coa fin de acadar a intermodal que Compostela necesita.

A Xunta agarda a que o Concello traslade os avances nas actuacións da súa competencia. A ese respecto, na citada reunión, a Consellería de Infraestruturas volveu requirirlle á Administración local que achegue unha proposta de accesos que garanta a operatividade da futura terminal de autobuses. Así mesmo, o Concello debe por os terreos á disposición da Xunta para que o vindeiro ano poidan comezar as obras, ademais de acometer o desenvolvemento do Plan especial necesario para que a infraestrutura sexa conforme á ordenación urbanística da cidade.

Características técnicas

O emprazamento da nova estación de autobuses prevese ao sur da plataforma ferroviaria entre a praia de vías e a rúa Clara Campoamor, ocupando unha superficie de aproximadamente 12.000 m2. As dársenas quedarán situadas ao nivel desta rúa, e previse que os vehículos accedan ao recinto mediante unha rotonda de 48 metros de diámetro exterior e 32 metros de diámetro interior con dous carrís de 4 metros de largo.

O edificio de servizos situaríase elevado nunha primeira planta sobre as dársenas, ao nivel da plataforma ferroviaria. Esta disposición permite perfilar a conexión coa estación de ferrocarril en dous puntos: cara ao edificio de servizos da estación de autobuses desde a plataforma ferroviaria; e a través da futura conexión peonil sobre as vías férreas, que sairía da rúa do Hórreo, “voaría” sobre as vías do tren e conectaría, baixando un nivel, coa estación de autobuses e baixando outro nivel máis coa rúa Clara Campoamor. Esta conexión peonil debería poder usarse aínda que a estación de autobuses estivese pechada.

Segundo a análise dos estudos previos a estación de autobuses precisaría os seguintes elementos: 29 dársenas (19 de liñas interurbanas, 5 de metropolitanas e 5 para regulación de servizos); 2.000 m2 de edificio de servizos e unha superficie total duns 12.000 m2 incluíndo a estación propiamente dita (7.000 m2) e unha zona de taxi, bus urbano e de despedida (5.000 m2).

26 de xullo de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.