publicidade hoxe

Comezan as obras para mellorar a seguridade na estrada LU-617, no concello de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+
Raquel Arias na visita ás obras

Raquel Arias na visita ás obras

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, supervisou hoxe, en Monforte, o tramo urbano da estrada LU-617 no que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda comenzou onte a acometer obras de mellora, acompañada pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, entre outros.

Os traballos céntranse na mellora das condicións do firme da calzada, que principiarán pola drenaxe e fresado do existente, á que seguirá a extensión dunha nova capa de rodadura. A actuación tamén contempla a implantación de dúas glorietas (unha á altura da rúa María Paz de Tor, que dá acceso ao colexio de As Gándaras, e outra na vía que comunica ao cemiterio), e varios pasos elevados.

Estas obras son froito da aposta da Xunta por reforzar a seguridade viaria e por manter en bo estado de conservación as estradas autonómicas. Así, os traballos enmárcanse no Plan de Reforzos de Firme que se está a desenvolver no Goberno galego, un plan que recolle investimentos este ano de máis de 23 millóns de euros e do que xa se licitou o 90 % dos quilómetros nos que se van actuar, case 600.

O Goberno galego é consciente de que priorizar a conservación das estradas e investir na súa mellora supón velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar a súa calidade de vida. Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas continuará a traballar nos vindeiros días e semanas en máis actuacións na rede viaria galega.

Estas actuacións están enmarcadas nun contrato adxudicado á empresa Taboada y Ramos por un importe de máis de 474.000 euros, que inclúe tamén a rehabilitación de firme noutra travesía de Monforte, a LU-661, na que tamén se procederá ó fresado e a dotación doutra capa de rodadura, así como na LU-533 ao seu paso por Chantada.

O tempo de execución dos traballos é de catro meses aínda que as previsións, segundo explicou a delegada territorial, é que poidan estar rematadas antes de que expire o prazo.

28 de xullo de 2016 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.