Comezan as labores de topografía da primeira fase de redacción do plan de saneamento da ría de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os traballos de topografía da primeira fase de redacción do Plan de saneamento local da Ría de Pontevedra comezaron esta semana, tal e como tiña comprometido a Xunta na reunión coas confrarías de mariscadores de Lourizán o pasado 1 de xullo.

Actualmente, os traballos topográficos estanse realizando tanto en terra como en mar. Na parte terrestre, o obxectivo é o levantamento de datos relativos ás redes de colectores de saneamento das aglomeracións de Poio, Pontevedra, Marín e a parte de Vilaboa que verte cara á ría de Pontevedra. Recolleranse así a posición exacta e características dos diferentes colectores (trazado,tipo, diámetros, materiais, pendentes, estado de conservación, etc…), así como das estacións de bombeo e outros elementos singulares da rede. Estes datos servirán para a realización dun modelo dixital de toda a rede.

Na parte mariña dos traballos, realízase unha batimetría completa para definir perfectamente a morfoloxía do fondo da ría. Os datos levantados neste traballo servirán para realizar un modelo dixital de toda a ría, que permitirá analizar a circulación da auga na mesma, as súas correntes e o funcionamento do seu ecosistema. Estas análises terá gran importancia para poder comezar co deseño do novo emisario submarino previsto para a EDAR dos Praceres.

Unha vez desenvolvidos ambos os dous modelos dixitais, poderase simular a incidencia que ten o actual sistema de saneamento e depuracións dos núcleos urbanos sobre ría, os bancos marisqueiros ou as zonas de baño. O modelo tamén permitirá comprobar a eficacia das actuacións propostas, para dar solución os problemas que se detecten, antes da súa execución. Todo isto redundará na realización da aplicación mais eficaz posible dos fondos dispoñibles buscando soluciones integrais e non só puntuais.

Actuación en Cocheras

O inicio dos traballos do Plan de saneamento local tamén permitiu xa a toma dalgunha decisión para evitar verteduras da rede de saneamento á ría. Desta forma, a semana pasada instalouse, a proposta de Augas de Galicia, unha pequena comporta que evita o alivio que se producía próximo á zona de Cocheras cada vez que se poñía en marcha o bombeo que impulsa, dende a marxe contraria da ría, as augas residuais de parte do concello do Poio cara a depuradora de Praceres.

22 de xullo de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.