Comeza o proceso de información pública do Plan de accesibilidade das liñas de autobús interurbanas ao centro urbano da Coruña
A Xunta inicia hoxe a información pública do Plan de accesibilidade das liñas interurbanas ao centro urbano da Coruña, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia (http://goo.gl/yixofM). A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, participou hoxe nunha reunión de traballo onde lle explicou esta proposta do Goberno galego a representantes dos concellos da área, como os alcaldes de Arteixo e Carral, o tenente alcalde Curtis, técnicos municipais e membros das asociacións de usuario e das empresas de transporte de viaxeiros.
A directora explicou que, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, ata o día 1 de agosto os concellos, as empresas de transporte, usuarios e a cidadanía en xeral poderán consultar e realizar as alegacións a este documento coa fin de enriquecer o citado documento.
De Lucas explicou que o Goberno galego xa remitiu hai unhas semanas aos concellos da área metropolitana a proposta de plan aberto para que emitisen as achegas que considerasen necesarias, un documento que tamén se enviou ás empresas e asociacións de transporte afectadas e aos representantes de consumidores e usuarios que forman parte do Consello Galego de Transporte coa fin de acadar un proxecto consensuado.
A directora xeral de Mobilidade engadiu que o Plan ten como obxectivos permitir o acceso dos autobuses ao centro urbano, habilitando paradas no interior da cidade, o que implicará un menor número de transbordos; mellorar a conectividade do transporte interurbano co urbano a través de intercambiadores; e potenciar o uso do transporte público, o que leva consigo unha diminución da contaminación e da conxestión da cidade.
Helena de Lucas subliñou que a maioría dos concellos xa amosaron a súa satisfacción co que propón este Plan. Recordou que “o que se busca é que os usuarios habituais non teñan que facer transbordo nun punto que non é o que máis liñas de transporte ten, o que se busca é un sitio que teña mellor conectividade como a Praza de Catro Camiños ou ao seu destino final, a cerca da Praza de Pontevedra; Entre Xardíns ou a Praza de Ourense”.
Destacou que “non se poden impoñer os intereses dunha empresa privada, como Compañía de Tranvías, por encima dos dos cidadáns do área metropolitana”. Así mesmo, a directora xeral remarcou que o seu departamento analizou a influenza nos tráficos da cidade e tras ese análise queda demostrado que non haberá un conflito co entrada dos autobuses ata Entre Jardines”.
Por outra banda, De Lucas confirmou que se está estudando a posibilidade que a liña que vai ata o aeroporto entre ata Porta Real, como facía antigamente, e subliñou que se está a consensuar co Concello da Coruña do que se espera a máxima colaboración.
O Executivo autonómico, mediante este plan, mellorará os percorridos e as paradas dos autobuses interurbanos no centro da Coruña, que rexistran 4,8 millóns de viaxes ao ano, beneficiando a área metropolitana e a propia cidade e dinamizando o comercio local.
O Plan propón incrementar o número de expedicións que van cara ao centro urbano; ampliar o horario de acceso das liñas; e a creación de novas paradas e percorridos que melloren a integración co transporte urbano de todas as liñas que acceden actualmente á cidade.
De Lucas remarcou que a proposta da Xunta se basea en análises rigurosas de tráfico e demanda, acreditando que a posta en marcha dun plan deste tipo será beneficioso para a fluidez de tráfico na cidade. En todo caso, salientou que é un documento aberto á participación de todos os interesados.
Por outra banda, a responsable de Mobilidade confirmou que, a solicitude da Xunta, a semana que ven terá lugar unha reunión sobre a estación intermodal da Coruña con representantes do Ministerio de Fomento en Madrid. Explicou que o Goberno galego demandou a celebración desa xuntanza coa fin de avanzar nas negociacións do convenio para o impulso desta terminal intermodal, centradas no momento no debate entre Adif e o Concello sobre a adquisición dos terreos.
De Lucas lembrou que o Concello da Coruña se comprometeu coa Xunta a asumir o financiamento das actuacións urbanísticas, da posta á disposición dos terreos e do aparcadoiro subterráneo e resaltou que agarda que esa postura non teña mudado.











