Comeza a tramitación da nova senda peonil e ciclista que unirá Ares e Mugardos ao longo da estrada AC-130
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, presentoulles hoxe aos alcaldes de Mugardos, Juan Domingo de Deus e Ares, Julio Iglesias, o novo itinerario peonil e ciclista entre as capitalidades destes concellos.
Esta senda proxéctase ao longo da estrada autonómica AC-130 e hoxe inicia a súa tramitación coa publicación no Diario Oficial de Galicia da información pública a efectos expropiatorios.
Esta actuación enmárcase no Plan de sendas de Galicia, que prevé a execución de 170 quilómetros de sendas sostibles, seguras e integradas na paisaxe. Os itinerarios propostos para a comarca de Ferrol foran presentados o pasado 12 abril pola conselleira de Infraestruturas, e suman 9 quilómetros en 6 novas sendas. Como se indicou naquel momento, encargáronse os proxectos construtivos das actuacións e hoxe inicia a tramitación o primeiro deles.
Francisco Menéndez explicou que se prevé unha nova senda dunha lonxitude de 3,66 quilómetros, que implicará un investimento de 1,05 millóns de euros, fondos que a día de hoxe xa están garantidos para a execución da actuación dentro do Plan de Sendas de Galicia. Deste modo, farase posible unha comunicación peonil e ciclista entre os dous principais núcleos de poboación, que son as capitalidades municipais, e en concreto con focos importantes de atracción de desprazamentos como son o colexio público Unión Mugardesa e a escola infantil anexa a el, o Centro Público Integrado Conde de Fenosa en Ares, e mesmo a praia e o porto de Ares.
A sección que se vai executar garantirá na maior parte do seu percorrido un ancho de 2,5 m libres para o tránsito, o que permitirá que as persoas que se despracen pola senda teñan un espazo suficiente como para transitar e cruzarse comodamente. Comezando por Mugardos, e antes de iniciar o percorrido pola nova senda, repararanse os puntos deteriorados en 360 m de beirarrúa existente.
A continuación, entre o CEIP Unión Mugardesa e as naves industriais de Metalurxia do Atlántico a senda terá os 2,5 m de ancho e un firme de formigón coloreado, ao tratarse dunha zona con características urbanas, e contará cunha franxa vexetal de separación coa calzada e gabia para recollida de augas.
A senda continuará no treito interurbano ata a entrada de Ares coa mesma sección, pero un pavimento de xabre estabilizado con cemento, un material que combina ao tempo resistencia, boa transitabilidade e integración paisaxística. Os accesos e entradas das fincas executaranse en formigón reforzado con mallazo. De novo en zona urbana, neste caso en Ares, dende a Avenida do Mazote ata o comezo da zona con beirarrúas, a senda irá elevada uns 10 cm sobre o borde de calzada e con un ancho de 3,00 metros e un firme de novo de formigón. Rematarase na parte que actualmente xa conta con beirarrúas no núcleo de Ares, separando nesa zona o carril bici e a zona peonil e respectando a franxa vexetal existente.
Actuacións complementarias
A maiores da senda en si mesma, mellorarase a seguridade viaria e a funcionalidade da propia estrada con actuacións complementarias:
• Crearase unha zona de aparcamento en Mugardos, nas inmediacións do CEIP Unión Mugardesa e da escola infantil, para evitar os problemas que se están a producir nese punto e mellorar a seguridade viaria.
• Executaranse gabias na estrada nos treitos onde non existan.
• Executaranse de pequenos treitos en voladizo mediante pasarela de madeira na zona de Ares.
• Instalaranse as canalizacións de servizos ao longo da senda.
• Disporanse novos pasos peonís mixtos elevados no CEIP Unión Mugardesa de Mugardos e no CPI Conde de Fenosa de Ares, ademais de na Avenida do Mazote e na zona de recreo de Fontelide en Ares, xa que son zonas que deben ofrecer un maior nivel de seguridade para o cruce de peóns e ciclistas.
• Mellorarase a curva situada entre os p.k 2+600 e 2+800 da AC-130, debido á súa perigosidade, aumentado o seu radio de xiro.
• Tamén se realizará a implantación dunha nova glorieta na entrada da zona urbana de Ares co fin de que sirva como elemento de ruptura de velocidade na transición do treito interurbano ao urbano, para mellora da seguridade viaria de peóns e ciclistas.