‘Comercio con talento’ distinguen o estudio de deseño ‘Rita Rita’ de Ferrol e a ‘Queixería Prestes’ de Vilalba
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, entregou esta mañá en Ferrol, ao estudio de deseño Rita Rita, e no municipio lucense de Vilalba, ao establecemento Queixería Prestes, dous dos premios do certame Comercio con talento, unha iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca impulsar a innovación e o emprendemento no comercio galego ao tempo que se favorece o coñecemento e o contacto do alumnado de formación profesional co sector e a súa realidade, complementando así a súa formación.
Na segunda edición desta iniciativa participaron alumnos e alumnas dos 26 centros galegos que imparten os ciclos de grao medio de Actividades comerciais e de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Os estudantes participantes elaboraron un proxecto sobre un comercio que, ao seu xuízo, destaca pola súa innovación e calidade. Un xurado especializado escolleu aos 9 comercios con máis talento de entre os propostos e fixo unha preselección de 4 proxectos que se publicaron no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos 10 premios fose decidido polo número de gústame recibidos.
Os alumnos autores dos proxectos gañadores reciben como premio un iPad mini. O estudio de deseño Rita Rita foi proposto por Alba Rey, alumna do Grao Superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol. No seu traballo destaca a capacidade para converter a súa afección nun modo de vida, así como o seu esforzo e dedicación para conseguir que calquera afeccionado ao mundo das manualidades poida atopar o que está a buscar. Rita Rita está especializada en scrapbooking, unha técnica de personalización de álbums e axendas.
Pola súa banda, a proposta da tenda Queixería Prestes en Vilalba correu a cargo de Sandra de Bernardo, alumna tamén de Grao Superior de Xestión de vendas e espazos comerciais, pero neste caso do CIFP As Mercedes de Lugo. A estudante indicou no seu traballo que o establecemento non só destaca pola súa capacidade para diversificar o seu negocio, senón tamén polo seu afán por manter a tradición e por conservar a súa paixón polo sector. Desde hai 25 anos, Queixería Prestes é unha das empresas do sector máis representativas da comarca da Terra Chá. Ademais do queixo de San Simón da Costa, a súa especialidade, hoxe en día ten á venda calquera tipo de queixo, como Arzúa Ulloa, o queixo de cabra ou o primeiro queixo azul de fabricación totalmente galega.
O respaldo ao sector comercial é un dos principais eixos de actuación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten en marcha o Plan de Impulso ao Comercio de Galicia. Neste contexto, no que vai de ano puxéronse en marcha diferentes programas de axudas para dinamizar centros comerciais abertos e prazas de abastos, impulsar o smart commerce, ou respaldar o asociacionismo comercial.