Cetmar organiza un seminario sobre o mercado europeo de produtos do mar en Escocia
A importancia da implicación dos principais axentes do sector dos produtos do mar -pescadores, acuicultores, procesadores, etc.- e a súa contribución ao fortalecemento do mercado europeo é a temática do seminario organizado pola Fundación CETMAR e que terá lugar esta semana na cidade escocesa de Aberdeen. Será no marco da 18ª Conferencia do Instituto Internacional de Comercio e Economía da Pesca (IIFET 2016), un dos eventos internacionais máis prestixiosos no ámbito da investigación da economía e o comercio dos produtos mariños.
Baixo o título de “A creación de valor compartido: explorando as sinerxías das ferramentas de comercialización”, a sesión celebrarase o mércores 13 de xullo coincidindo co día principal do IIFET e incluirá un total de dez relatorios a cargo de diferentes expertos e representantes sectoriais.
O seminario está organizado pola área de Socioeconomía da Pesca do Centro Tecnolóxico do Mar e enmarcado no proxecto PRIMEFISH, unha iniciativa do programa europeo H2020 na que está a participar a fundación galega, que lidera as tarefas de comunicación e a interacción coa industria e os axentes implicados.
A sesión estruturarase en dúas partes, unha teórica sobre o proxecto PRIMEFISH e como desenvolver un mercado innovador a través dunha ferramenta de predición e unha parte práctica centrada en dar respostas a como fortalecer a competitividade nos mercados europeos de peixe, tanto da pesca como da acuicultura.
O proxecto PRIMEFISH é iniciativa dun consorcio formado por 14 centros de investigación europeos e dous centros con sede en Canadá e Vietnam que traballan xuntos para mellorar a competitividade dos sectores da pesca e da acuicultura dende marzo de 2015 e ata febreiro de 2019.











