Cecilia Vázquez visita a Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas que oferta 5 prazas para persoas como bolseiros de dinamización xuvenil
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, desprazouse hoxe ata Ourense para coñecer as actividades que se desenvolven na Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, dependente da Consellería de Política Social e que oferta 5 prazas de persoas colaboradoras-bolseiras para o vindeiro curso escolar no marco da Orde do 27 de xuño de 2016 que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
En total, nas tres residencias da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ofértanse 15 prazas: 4 no centro residencial xuvenil LUG en Lugo, 5 na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense e 6 na residencia xuvenil Altamar de Vigo.
Os/as beneficiarios/as destas axudas de bolseiros e colaboradores contarán co aloxamento e mantenza gratuítos a cambio de desenvolver labores de dinamización xuvenil. Os mozos e mozas contarán, ademais, coa asistencia dun titor ou titora que coordine e dirixa as funcións que desempeñen nos centros. Os traballos que terán que levar a cabo son principalmente relacionados coa dinamización da residencia, incluídas actividades de información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras.
Dentro das actividades de información xuvenil que levarán a cabo estas persoas colaboradoras-bolseiras, inclúese a de participar no programa Correspondentes xuvenís 3.0 da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Cecilia Vázquez manifestou que “esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado de fomentar actividades xuvenís e favorecer o acceso ao ensino universitario, aos estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior dos/das estudantes con escasos recursos, e ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as tres residencias xuvenís”.
Para solicitar unha praza as persoas interesadas contarán cun mes de prazo a partir do día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Xunto coa inscrición deberán presentar un proxecto de actividades que pretenda realizar na residencia, así como presentarse a unha entrevista persoal. Para a adxudicación das prazas valórase a calidade do proxecto de actividades presentado; a renda media da unidade familiar; a condición de familia numerosa, de orfandade, discapacidade de calquera membro da unidade familiar; a distancia entre o domicilio e a residencia xuvenil; ter a residencia familiar en Galicia; ser muller en estado de xestación ou vítima de violencia de xénero ou persoa solicitante cuxa proxenitora a sufrise; outras circunstancias sociofamiliares como ter un ou unha irmá ou irmá/áns con praza renovada na residencia, ou ter a condición de familia monoparental; o rendemento académico; a condición de desempregado sen prestación económica do pai, nai ou titor legal; e ter sido residente na mesma residencia para a que se solicita a bolsa.
Os destinatarios destas bolsas son persoas físicas con nacionalidade española ou nacionais dun estado membro da Unión Europea ou residentes estranxeiros en España, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, que cursen estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, estudos superiores en ensinanzas artísticas ou ciclos formativos de grao superior que admitan polo seu contido e saídas profesionais, a formación e a práctica a través de calquera das tarefas que se poden desenvolver na residencia xuvenil. E ter unha renda media familiar que non supere o 150% do IPREM.
As residencias xuvenís son un instrumento ao servizo da mocidade e, en particular, dos mozos e mozas estudantes durante o curso académico, onde se ofrecen aloxamento e manutención, actividades convivencias e educativas a través das que se intenta fomentar os valores sociais, culturais e deportivos da mocidade residente e de calquera que puidese beneficiarse do labor sociocultural nas actuacións que se programen.
A titular do departamento autonómico, recordou que xunto a estas 15 prazas para persoas colaboradoras bolseiras, as tres residencias dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado oferta 220 prazas de residentes en réxime de internado: 74 no centro residencial xuvenil LUG en Lugo, 55 na residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense e 91 na residencia xuvenil Altamar de Vigo.











