publicidade hoxe

Cecilia Vázquez reúnese cos xóvenes procedentes de Alemaña que participan no programa “A xuventude no mundo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorSanta Comba
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, reuniuse hoxe en Santa Comba, cos 10 mozos e mozas procedentes de Alemaña que están a participar nun intercambio bilateral enmarcado dentro do programa “A Xuventude no mundo” que organiza a Consellería de Política Social.

A titular do departamento autonómico sinalou que este programa de mobilidade xuvenil ten como obxectivo que a mocidade poida desenvolver actividades de interese noutras partes de Europa, obter experiencias de educación non formal no estranxeiro, ampliar o seu coñecemento doutras linguas, culturas e costumes, ao tempo que poida incrementar o seu nivel de independencia e responsabilidade.

Neste encontro, Cecilia Vázquez reuniuse así mesmo cos participantes no proxecto “Jaque al futuro” liderado pola Asociación cultural, deportiva e xuvenil Ser, que acolle dende o 10 ao 16 de xullo en Galicia a 44 mozos e mozas e 8 responsables na toma de decisións no ámbito da xuventude procedentes de España, Rumanía, Riga (Letonia), Forza D´Agró (Sicilia- Italia), Tesalónica (Grecia) e Veszprem (Hungría).

Esta iniciativa é a única aprobada en Galicia na primeira quenda do 2016 no marco do programa Erasmus+:Xuventude en Acción, Acción Clave 3 que promove a participación activa dos mozos e mozas na vida democrática e fomenta o debate en torno aos temas e prioridades establecidos polo diálogo estruturado e o marco político renovado no ámbito da xuventude.

Esta acción que promove a mobilidade xuvenil ten como obxectivo a busca dun espazo de encontro que permita reflexionar sobre as novas posibilidades que permiten as redes sociais á participación xuvenil. Durante sete días os participantes terán a oportunidade de poñer en práctica os principios do diálogo estruturado a través de encontros con responsables políticos de tres niveis: autonómico, provincial e local.

Erasmus+ é o programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte que está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2020. O capítulo de Xuventude brinda apoio para que mozos e mozas adquiran habilidades esenciais para o seu desenvolvemento persoal e profesional mediante a educación non formal e informal e potencia o papel dos traballadores e das organización favorecendo a mobilidade e cooperación no ámbito da xuventude.

O programa fomenta a mobilidade dentro e fóra dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural e tamén apoia a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas independentemente do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo os datos de participación no programa europeo Erasmus+:Xuventude en Acción, unha das máis activas tanto no número de proxectos presentados e aprobados como nos fondos recibidos da Unión Europea. Galicia sitúase, deste xeito, no grupo de comunidades máis activas en canto á participación de mozos e mozas en programas de mobilidade e aprendizaxe non formal.

Na primeira ronda do 2016 do programa europeo Erasmus+:Xuventude en Acción foron aprobados en Galicia 16 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e asociacións xuvenís cun orzamento superior aos 220.000 euros, sen prexuízo dos proxectos aprobados noutros países europeos e nos que organizacións e mozos e mozas galegos participan activamente.

Segundo indicou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, “este alto índice de participación pon de manifesto a iniciativa dos mozos e mozas galegos en temas de mobilidade e participación activa en todas as actuacións que teñan que ver coa adquisición de competencias mediante a aprendizaxe non formal”.

Finalmente, Cecilia Vázquez recordou que ao abeiro da Orde da do 26 de febreiro de 2015, da participación nos programas A Xuventude no mundo e Eramus+:Xuventude en Acción se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude, certificado a través do que se lle da visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.

14 de xullo de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.