BNG e Mixto tratan de novo a creación dunha comisión de investigación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

Os grupos parlamentarios do BNG e Mixto rexistraron este martes unha petición de reunión da Deputación Permanente -o órgano que substitúe ao pleno en períodos non hábiles- co fin de debater a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, a raíz do informe da Axencia Ferroviaria Europea sobre a investigación realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).

A oposición xa pedira debater esta cuestión no último pleno ordinario, despois de que se coñecese o informe encargado pola Comisión Europea e que concluíu que a investigación feita pola CIAF non fora independente e non incluíra “elementos clave”. Non obstante, non se chegou a debater, posto que o PPdeG se opuxo a cambiar a orde do día para poder abordar esta cuestión.

Aínda que non hai un prazo fixado no regulamento da Cámara para que a Mesa do Parlamento convoque á Deputación Permanente unha vez se solicita, neste caso, por parte de dous grupos parlamentarios, si é obrigatorio que se reúna este órgano.

“Dende o punto de vista político, hai unha responsabilidade, non só despois da traxedia do 24 de xullo, senón despois de todas as mentiras que se sucederon despois do accidente de Angrois o perdón é necesario pero non é suficiente”, manifestou a voceiro nacional do BNG, Ana Pontón, a preguntas dos medios nun acto con responsables de Cogami.

A dirixente nacionalista denunciou que a investigación feita pola CIAF estaba “viciada, foi incompleta e, entre outras cousas, non escoitou as vítimas”.

Agora, o BNG quere que se abra un novo procedemento de infracción por “incumprimento da normativa de seguridade” e que ese novo procedemento sexa “unha ventá aberta para que realmente haxa unha comisión de investigación independente e real que bote luz e xustiza” sobre o accidente.

Pontón manifestou que dixo que é “fundamental” que “non se volva repetir e que se eviten novos erros”, para o que é “importante saber” que “pasou” e que “se depuren todas as responsabilidades políticas e penais que existan”, ao tempo que tomen as “accións necesarias para garantir que un accidente de tipo non se produce nin en Galicia nin en ningunha parte do Estado”.

A tamén candidata á Presidencia da Xunta reclamou “saber a verdade” e que “se faga xustiza”. “E queremos que unha situación como a que vivimos o 24 de xullo, que todos recordamos como os máis tráxicos de hai anos e na historia recente deste país, non se volva repetir”, resaltou, antes de apuntar que os responsables “teñen que asumir as responsabilidades das decisións erradas tomadas”.

“Non entendo como se pode xogar así cun tema tan grave: ou se quere unha investigación independente ou non se quere”, manifestou Pontón, en relación á postura do PPdeG, que nos últimos días defendeu que se faga un “informe incontrovertido” sobre o sinistro, se ben a exministra de Fomento en funcións lle comunicou ao presidente da Xunta as dificultades para que se repetise, segundo revelou o propio Alberto Núñez Feijóo.

ANA PASTOR, PRESIDENTA DO CONGRESO

En canto ao nomeamento de Ana Pastor como presidenta do Congreso, a voceiro nacional do BNG mostrou a súa “sorpresa” por esta elección. “Nós o que viñamos pedindo era o cesamento da ministra por ser unha das responsables de facer unha investigación fraudulenta en relación co terrible accidente de Angrois”, expresou,

Así, considerou que “por respecto ás vítimas, á verdade e á democracia” o BNG estaba convencido de que “quen é responsable de poñer en marcha unha mentira de estado non debería ser premiado, senón cesado”.

PETICIÓN PARLAMENTO

“As conclusións son demoledoras”, refiren os grupos do BNG e Mixto no que respecta a o informe da Axencia Ferroviaria Europea os cales estiman que é “simplemente unha cuestión de vontade política facer posible que esta comisión se constitúa e inicie os traballos antes da disolución do Parlamento, acompañado do compromiso dos grupos de darlle continuidade na próxima lexislatura”.

Por outro lado, no pleno que piden convocar ambos os dous grupos tamén queren que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareza ao respecto do anuncio dunha oferta de compra de Globalvía a Sacyr, Abanca e Liberbank para facerse coa participación do 45,1 por cento de Audasa, que xestiona as autoestradas AP-9, AP-53, AG-57 e AG-55, o que “engade máis incertezas sobre o futuro dunhas infraestruturas básicas” para a vertebración interna de Galicia”.

19 de xullo de 2016 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.