Benestar Social concede as subvencións a entidades coruñeses por un importe de case dous millóns de euros
A área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade e de Xénero fai pública as resolucións polas que se aproban as subvencións a entidades sen fins de lucro por un importe total de case dous millóns de euros nas catro convocatorias.
As resolucións das subvencións destinadas a entidades sen fins de lucro do ámbito dos servizos sociais foron publicadas no BOP deste 12 de xullo en que se recolle as concesións provisionais das catro convocatorias da área. “As catro liñas queren apoiar e acompañar ás entidades no seu importantísimo labor no ámbito dos servizos sociais. Trátase, con liñas de concorrencia competitiva, de que os recursos públicos sexan empregados con fins claros e necesarios, en especial, cando se trata de ámbitos tan sensíbeis e necesarios en tempos como estamos a vivir como é o dos servizos sociais”, sinalou a deputada responsábel da área, Ánxela Franco.
A Deputación da Coruña destina 1.011.086 € para a liña destinada a entidades sen fins de lucro para o desenvolvemento de programas de servizos sociais entre os que se atopan, mantementos de vivendas con apoio, actividades de prevención de drogodependencia, apoio a transportes adaptados, contratación de terapeutas ocupacionais, mantemento de centros, programas de rehabilitación, talleres ocupacionais, mantemento de escolas infantís axuda para puntos de encontro, ou servizos de inserción laboral.
Para a liña destinada a investimentos, a área que dirixe a nacionalista Ánxela Franco destina 395.145, 58€ que as entidades empregarán en mobiliario, eliminación de barreiras arquitectónica, mellora das sedes, illamentos térmicos acondicionamento de locais, equipamentos para obradoiros ou reformas en xeral. Co obxectivo de manter os programas sociosanitarios durante o ano 2016 a Deputación convocou unha liña dotada con 311.512,71 € que se empregarán en programas como talleres psicopedagóxicos, mellora de calidade de vida de persoas con alzheimer, asesoramento psicolóxicos, apoio a persoas con artrite , programa de fisioterapia para persoas enfermas de parkinson, campamento de verán para nenos e nenas con diabete ou información e asesoramento a persoas afectadas por epilepsia, entre outros moitos.
Finalmente, A Deputación fai pública a concesión provisional de subvencións correspondentes ao programa dedicado ao mantemento de políticas de igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero cun importe total de 182.666,75€ que as entidades empregarán en accións como actividades extraescolares para a conciliación familiar, iniciativas de coeducación, programas de empadroamento e participación social, accións ocupacionais, campañas de concienciación ou orientación ás mulleres.











