Belén do Campo participou nunha xornada técnica organizada pola nova asociación Progacun

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Belén do Campo na xornada organizada por Progacun

Belén do Campo na xornada organizada por Progacun

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acudiu esta mañá a unha xornada técnica organizada pola nova asociación Progacun na que fixo balance do apoio da Consellería do Medio Rural a este sector que en Galicia conta con 262 explotacións. Do Campo destacou a estreita relación e o elevado número de reunións que se está a manter cos portavoces dos produtores co fin de detectar as súas necesidades e darlles resposta na medida do posible.

Entre estas peticións está a de subvencións para a liquidez das explotacións, unha nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural que a día de hoxe, co prazo de solicitudes aínda aberto, xa conta con 40 presentadas. Tamén está aberto ata o 20 de setembro o período para a demanda de avais para todas as explotacións gandeiras a través da Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (Saeca).

Unha das reclamacións máis reiteradas era a redución dos gastos para a retirada de cadáveres. Neste senso, dende a Xunta de Galicia incrementará a súa contribución dentro do plan de seguros agrarios. Ademais, co fin de favorecer o consumo desta carne, e tamén a petición do sector, incluíuse o coello nunha campaña publicitaria para o fomento da carne galega.

Labor mediadora

Doutra banda, a Consellería do Medio Rural tamén está exercendo de mediadora naquelas peticións que dependen do Goberno central. É o caso do sacrificio de animais dentro das explotacións. A directora xeral de Gandaría explicou na súa intervención que dende este departamento estase á espera de que comece o período de consultas do Real Decreto, aínda en fase de borrador por parte do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad, para estudialo xunto ao sector cunícola.

Entre os obxectivos xa conseguidos está a redución de módulos do IRPF que, debido a caída dos prezos no sector do coello, logrouse que o Ministerio de Facenda aplicase unha diminución do 0,13 ao 0,07. Belén do Campo lembrou tamén que aínda quedan retos por diante, como o de crear unha organización de produtores cunícola, iniciativa que xa foi trasladada ao Ministerio e que depende da aprobación do Real Decreto polo que se regula o coñecemento das organizacións de produtores e as súas asociacións no sector cunícola.

8 de xullo de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.