Beatriz Mato e o alcalde de Paradela asinan un convenio para mellorar o abastecemento nas parroquias de Cortes e San Xoán de Loio
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Paradela, José Manuel Mato, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá mellorar o abastecemento nas parroquias de Cortes e San Xoán de Loio.
En concreto, as actuacións consistirán na execución dun azud con arqueta de desbaste para levar a auga ao bombeo existente, a instalación de equipos e conexión na ETAP e a execución dunha rede de distribución aos núcleos de A Tellada, A Parrocha, As Cortes, Vilachá, Pacios e Loio, que contará con 18 bocas de rego en total. Así, a través deste convenio, pretendese dar continuidade aos traballos de abastecemento iniciados anteriormente.
En total, o Goberno galego destinará uns 350.000 euros –tal e como se aprobou previamente no Consello da Xunta- a acometer estas melloras, un orzamento que está cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
A conselleira fixo fincapé en que este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.