Beatriz Mato asina co alcalde de Dodro o convenio que permitirá mellorar o saneamento do núcleo de Lestrove
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou hoxe co alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín, un convenio de colaboración que permitirá seguir mellorando e ampliando a rede de saneamento do municipio.
En concreto, o acordo ratificado esta mañá vai posibilitar a construción dunha rede separativa de saneamento e pluviais no núcleo de Lestrove. Ata agora, as augas pluviais e fecais discorrían polo mesmo conduto ata verter á EDAR. Isto provocaba un incremento dos custos da depuradora e incrementaba, á súa vez, o risco de desbordamento en época de chuvias. Esta actuación permitirá, polo tanto, optimizar o sistema e aumentar a súa eficiencia, xa que as pluviais deixarán de verterse á depuradora.
O orzamento consignado a estes traballos ascenderá a 250.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Mato aproveitou a súa visita para expresar a súa vontade de manter con Dodro a “máxima colaboración e diálogo” en todos os ámbitos, tamén no urbanismo. Neste sentido, avanzou que o departamento que dirixe está actualmente estudando un proxecto presentado polo concello para pavimentar o contorno da igrexa a través dun investimento de 115.000 euros.
Ao respecto, precisou que esta actuación podería inscribirse no Plan Hurbe, que ten como meta humanizar e mellorar os espazos urbanos de Galicia. En calquera caso, a pesares de que a proposta aínda está en proceso de análise, a conselleira subliñou que conta cunha valoración “moi positiva” e agardou que poida ser aprobada finalmente.