As Vítimas do Alvia dirixen unha carta a Pastor na que lle esixen unha reunión para saber por que mentiu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A Plataforma de Vítimas do Alvia 04155 plasmou nunha carta, con data deste luns 11 de xullo, que rexistrará no Ministerio de Fomento, a súa petición de reunión co seu titular, Ana Pastor, despois de que a Axencia Ferroviaria Europea ratificase que o informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) sobre o tráxico accidente de Angrois non foi independente.

Na misiva, remitida pola Plataforma, as vítimas afean ao Goberno en funcións que “premese” á Unión Europea (UE) para que o devandito informe no que analiza a actuación da CIAF en relación ao desgraciado sinistro acontecido o 24 de xullo de 2013 “non vise a luz”.

“O motivo desta carta é solicitarlle unha reunión para que vostede nos explique persoalmente por que nos mentiu ás vítimas e aos seus familiares. E cando dicimos que nos mentiu non é un insulto senón a simple constatación da realidade”, constatan as vítimas.

“Fíxoo persoalmente nas reunións que mantivemos con vostede e ademais, así consta nos documentos oficiais”, engaden.

A xeito de exemplo, citan a comparecencia da ministra o 9 de agosto de 2013 no Congreso dos Deputados, cando Pastor se remitiu ás investigacións da CIAF e asegurou que, malia estar adscrito a Fomento, gozaba de “total independencia” e realizaba as súas actividades “de forma transparente e neutral”.

A ministra, subliñan as vítimas, afirmou neste foro que era “o momento de dar tempo á Comisión de Investigación para que os profesionais que a integran poidan, con todo rigor, independencia e neutralidade seguir investigando para chegar a establecer as causas que provocaron o accidente”.

“NON DETERMINA AS CAUSAS ESTRUTURAIS”

Fronte a iso, interpelan a ministra e aluden ás conclusións do informe da axencia europea, que, inciden, non solo cuestiona a independencia da análise realizada pola CIAF, senón que subliña que “se centra no fallo humano e non dá resposta a preguntas esenciais, nin determina as causas estruturais e causas raíz do accidente”.

“Que son as que, con toda probabilidade, se refiren ás actuacións que implicarían a Adif, Renfe e Ineco”, di a Plataforma na carta.

En todo caso, as vítimas subliñan que “non facía falta esperar ao ditame da axencia”, senón que “abondaba, simplemente, con coñecer quen compoñían a CIAF e, especialmente, os que participaron na elaboración do informe: o director xeral de Seguridade de Renfe Operadora e o director xeral de Seguridade de Adif”.

“¿ Sabía vostede que o artigo 22.3 da Directiva 49/2004 di que “se”informará periodicamente …a as vítimas e aos seus parientes….y se lles embridará a oportunidade de expoñer as súas opinións e puntos de vista durante a investigación e a posibilidade de facer observacións sobre a información dos proxectos de informes?”, pregúntanlle.

“DEMOCRACIA E XUSTIZA”

“¿ Sabe vostede que as vítimas nos decatamos da existencia do informe da CIAF polos medios de comunicación e que xamais ninguén nos preguntou ou nos informou absolutamente de nada?. Iso tamén o recolle o informe da Axencia. ¿E sabe vostede por que?. Porque esas condutas que se lle esixen aos gobernos forman parte de algo que se chama democracia e xustiza”, interpelan tamén na carta.

Ante estas “circunstancias”, as vítimas piden que Pastor explique “se o motivo das súas mentiras” foi “tapar as múltiples vergoñas” do seu Goberno e do anterior, ou se, en realidade, é que “non se decataba do que acontecía ao seu arredor”.

11 de xullo de 2016 | 11:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.