As áreas de Cultura da Deputación e o Concello da Coruña colaboran en diversos proxectos culturais
A vicepresidenta da Deputación e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, estableceron nunha reunión os termos do acordo de colaboración das dúas institucións no desenvolvemento de proxectos culturais como Jazz Atlántica, Residencias Artísticas, Quincegotas e Coruña Gráfica.
Programas culturais como o festival Jazz Atlántica, as Residencias Artísticas, Quincegotas de danza e actividades vinculadas a Coruña Gráfica contarán coa colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña, segundo se acordou nunha xuntanza que tivo lugar no Pazo Provincial en que participaron Goretti Sanmartín e José Manuel Sande, xunto con técnicos das dúas áreas. A xuntanza analizou os termos do acordo polos que a Deputación garante, coa súa achega económica, que os catro programas culturais de especial relevancia para a cidade se desenvolvan.
Na xuntanza, Goretti Sanmartín manifestou tamén a vontade de traballar de xeito inmediato en explorar as opcións de futuro do Teatro Colón e da Biblioteca Provincial, dous equipamentos culturais dos que é titular a Deputación. A este respecto, a deputada de Cultura comunicou ao representante da área no concello que o vindeiro ano se esgota o contrato de cesión do Teatro Colón cunha empresa privada e que urxe concreatar as posibilidades para a súa xestión.
Goretti Sanmartín expuxo na xuntanza que desde a Deputación se darán nas próximas semanas os pasos iniciais para a elaboración dun estudo xurídico, técnico e económico sobre as diferentes opcións entre as cales están como preferentes a transferencia ou un proceso de cesión de uso.











