publicidade hoxe

Arturo Parrado subliña a formación como piar na inserción das persoas en risco de exclusión durante a entrega de diplomas de Radio Ecca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu á entrega de diplomas Radio Ecca do curso para a alfabetización de persoas inmigrantes. Alí, o director xeral sinalou cara a formación como “unha das mellores armas para loitar contra a exclusión social” e incidiu en que as “melloras educativas son o vehículo ideal para mellorar a calidade de vida das persoas”. Nesta liña insistiu en que a formación orientada ao traballo é “un dos piares básicos na inserción daquelas persoas que se atopan en situación de risco ou exclusión social”.

No Centro de Formación Ocupacional da localidade burelá, Arturo Parrado valorou o gran labor de acción social que leva a cabo Radio Ecca e reflexionou acerca da importancia da “colaboración e da coordinación entre todas as administracións, entidades e demais institucións do terceiro sector para acadar o obxectivo da integración social plena para todas as persoas”.

Deste xeito, o director xeral de Inclusión Social lembrou que a Xunta de Galicia investiu nesta asociación un total de 72.332 euros durante o curso 2015-2016 ao abeiro da Orde do 2 de xuño de 2015 de subvencións plurianuais a entidades iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social. Grazas a esta colaboración leváronse a cabo numerosos cursos de alfabetización para persoas inmigrantes, no marco do Servizo de Atención ás Persoas Inmigrantes da Dirección Xeral e tamén outros 24 cursos de alfabetización por toda Galicia do Servizo de Coordinación de Programas de Inclusión. O curso levado a cabo en Burela para a alfabetización de persoas inmigrantes tivo unha achega por parte da Xunta de 2.855,82 euros.

26 de xullo de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.