publicidade hoxe

Ángeles Vázquez sinala en Galiforest a importancia de poñer en valor o noso monte dende o punto de vista económico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a Galiforest

Ángeles Vázquez na visita a Galiforest

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acudiu hoxe á feira Galiforest 2016 e durante a súa visita apelou á importancia de poñer en valor o noso monte dende un punto de vista económico. “Galicia ten unha gran riqueza forestal, pero ademais do valor paisaxístico, que xa o temos, temos que explotalo para facelo rendible para ocupar o lugar que nos corresponde”, sinalou a conselleira.

A titular de Medio Rural indicou tamén que nesta liña de buscar unha maior competitividade o Plan Forestal será unha peza clave xa que “marcará a folla de ruta a seguir os próximos 20 anos”. Actualmente este plan atópase en revisión por un grupo de traballo especializado co obxectivo de actualizar a lexislación á realidade vixente en Galicia.

Entre as directrices deste plan se incluirán incentivos fiscais para promover o investimento privado de particulares ou empresas nos nosos montes. “Cada vez será máis importante a especialización e a profesionalización e nesta feira podemos comprobar que imos polo bo camiño”, sinalou a titular de Medio Rural durante a súa visita a Sergude. Neste sentido, cabe destacar que dentro do programa xeral de actividades da feira, celebrábase unha xornada dedicada a este plan e as súas posibles modificacións, impartida precisamente polo coordinador adxunto do grupo de traballo, José Luis Chan.

IXP Castaña de Galicia

O da madeira non é o único xeito de explotar o monte. A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia conta con 145 produtores, comercializadores e almacenistas na nosa comunidade e 5 industrias de procesado, que produciron o pasado ano máis de 223.700 quilos deste froito certificado cun valor económico estimado de 409.000 euros.

Neste sentido, hoxe tamén hai previsto dentro do programa unha xornada técnica sobre a Produción de castaña de calidade e a IXP castaña de Galicia, encabezado polo director do centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, Javier Cordal.

Galiforest 2016

O Monográfico Forestal Internacional para o Sur de Europa – Galiforest Abanca 2016 abriu as súas portas onte e estará dispoñible ata mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, un lugar idóneo para este tipo de evento xa que se poden realizar sen problema as demostracións de maquinaria. A longo destes tres días celebrará máis de 100 demostracións e exhibicións de maquinaria e desenvolverá ata 20 xornadas técnicas relacionadas co sector.

Ángeles Vázquez valorou esta cita anual xa que constitúe un centro de negocios para o sector, ademais dun escaparate das últimas innovacións tecnolóxicas e foro de coñecemento e posta en común da realidade forestal onde se esperan máis de 6.000 visitas.

1 de xullo de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.