publicidade hoxe

Ángeles Vázquez apoia a posta en valor e comercialización dos pementos de Herbón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPadrón
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ás instalacións de SAT A Pementeira

Ángeles Vázquez na visita ás instalacións de SAT A Pementeira

A Xunta apoia a posta en valor e comercialización dos pementos de Herbón, na súa condición de produtos agroalimentarios senlleiros de Galicia, amparados por unha Denominación de Orixe Protexida (DOP). Neste sentido, a Consellería do Medio Rural achegou dende 2014 algo máis de 128.000 euros en axudas á Sociedade Agraria de Transformación (SAT) A Pementeira, con sede na localidade coruñesa de Padrón e que comercializa máis da metade dos pementos amparados polo devandito selo de calidade diferenciada.

Así o salientou esta mañá a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita ás instalacións desta SAT, onde puxo de manifesto o esforzo desta Sociedade –integrada maioritariamente por mulleres– para aplicar a Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i) á súa actividade. Precisamente o feito de que sexan mulleres a maior parte das socias desta SAT foi tamén destacado pola conselleira, que enmarcou este labor na próxima creación da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Este organismo terá como obxectivo mellorar a protección e promoción dos alimentos producidos na nosa comunidade, así como potenciar as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico neste eido. Ángeles Vázquez dixo que a Xunta pon a disposición do sector esta axencia para todo o que ten que ver coa promoción e aplicación da I+D+i no eido agroalimentario.

A conselleira puxo en valor, ademais, o labor desenvolvido por A Pementeira con iniciativas como a posta en marcha dunha nave de envasado, a creación dun obradoiro de elaboración de conservas (marmeladas e confituras a base de pemento) ou a comercialización dos seus produtos a través dunha tenda on line. A maiores, están xa traballando para sacar ao mercado novos produtos derivados do pemento. Ángeles Vázquez enmarcou todo este labor na dinamización dos produtos da horta de Galicia, que a Xunta está a impulsar en colaboración con produtores e comercializadores.

Datos de A Pementeira

A Pementeira é unha SAT fundada en 2006 por 23 agricultores cunha ampla experiencia no cultivo do pemento de Herbón. No verán de 2008 puxeron en marcha a súa nave de envasado e saíron ao mercado co nome de SAT A Pementeira. Máis recentemente equipáronse cun obradoiro de elaboración de conservas. A súa cifra de negocio anual sitúase arredor dos 300.000 euros.

20 de xullo de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.