Ana Pontón espera que o informe da CE permita coñecer as causas e que se asuman responsabilidades polo accidente de Angrois

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, confiou en que o informe da Comisión Europea sobre o accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e máis dun centenar resultaron feridas, permita “dar luz” e mesmo “condicionar o proceso de investigación”, para coñecer as “causas” do sinistro e que se asuman “responsabilidades” penais e políticas.

Representantes das vítimas do Alvia terán acceso este xoves ao informe técnico elaborado pola Axencia Ferroviaria Europa nunha reunión con membros da dirección de transporte ferroviario da Comisión Europea, á que acudirán acompañados da portavoz na UE do BNG, Ana Miranda.

Respecto diso, Pontón quixo “pór en valor” o traballo realizado polos distintos representantes da súa formación no Parlamento galego, no Estatal e na propia Unión Europea, defendendo “da man das vítimas” o “dereito a coñecer a verdade” e o impulso dunha comisión de investigación, ademais de apremar a publicación do citado informe tras diversos atrasos.

“Estamos dispostos a ir até o final, ata que coñezamos a verdade”, advertiu, co obxectivo de que tanto as vítimas “como o conxunto da sociedade” coñezan as causas do accidente e “que se asuman responsabilidades tanto desde o ámbito penal como desde o ámbito político”.

7 de xullo de 2016 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.