Amplíase durante durante o verán os horarios e servizos de atención a visitantes nos monumentos do patrimonio provincial
A Deputación da Coruña amplía dende hoxe e ata o vindeiro 15 de setembro, os horarios e servizos de atención a visitantes dos diversos monumentos e edificios que forman parte do patrimonio histórico-artístico provincial.
Durante a época estival, o Pazo de Mariñán, en Bergondo, permanecerá aberto ao público dende ás 9.00 ás 21.00 horas. Ademáis de visitar os xardíns do pazo, con máis dun centenar de especies de prantas e árbores procedentes dos cinco continentes, entre os que se atopan os eucaliptos máis antigos de España nacidos das sementes traídas de Australia por Fray Rosendo Salvado ou a colección de mirtos máis valiosa de Galicia, os visitantes terán a oportunidade de participar, de 11 da mañá a 8 da tarde, cada 45 minutos, en visitas guiadas polo interior do edificio do século XVIII, e de coñecer de primeira man as numerosas historias que gardan as súas paredes de pedra.
O Dolmen de Dombate, situado en Cabana de Bergantiños e considerado “a catedral do megalitismo galego”, poderase visitar todos os días entre as 9.00 da mañá e as 21.00 horas e habilitaranse visitas guiadas en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e tarde (de 16 a 21 horas) da man de expertos que explicarán os seus 6.000 anos de historia, a importancia do megalistismo na Costa da Morte e as accións levadas a cabo pola Deputación para a recuperación e posta en valor do megalito. Os dolmens de Axeitos (Ribeira), Cabaleiros (Tordoia), e Altamira (Brión), de acceso libre, completan a oferta megalítca da provincia coruñesa.
Tamén na Costa da Morte, a Deputación ofrece a posibilidade de visitar as Torres do Allo, no concello de Zas, entre as 11.00 e as 20.00 horas, e o Forno do Forte , en Buño (Malpica) entre as 11 e as 14 e de 16 a 20 horas, a excepción dos domingos
Tamén están abertos ao público os Batáns de Mosquetín (con visitas libres todos os días e guiadas os sábados e domingos ás 13.00 e ás 18.00 horas), e o Castelo de Vimianzo, que contará con visitas libres de martes a domingo de 10.30 a 14.00 h. e de 16.00 a 20.30 horas e visitas teatralizadas os domingos de xullo e agosto ás 13.00 e 17.00 horas.
Servizo especial de transporte ao mosteiro de Caaveiro
O mosteiro de Caaveiro, un cenobio do século X situado nun promontorio sobre as Fragas do Eume, o bosque atlántico mellor conservado de Europa, permanecerá aberto ao público dende hoxe ata o 15 de setembro, entre as 9 de mañá e as 21.00 horas.
No parque natural restrínxese o uso de vehículos durante a época estival, debido ao elevado número de visitantes, polo que a Deputación pon a disposición, como cada ano, un servizo especial de transporte en autobús dende o Centro de Interpretación ata o mosteiro, co obxectivo de facilitar a accesibilidade.
Este servizo estará en funcionamento todos os días entre as 10.30 e as 20 horas, con frecuencias cada hora. As visitas guiadas a Caaveiro serán todos os días de 10.30 h. a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.
Todos os monumentos do patrimonio etnográfico e histórico da Deputación da Coruña poden visitarse con carácter gratuíto.











