Alfonso Rueda visita as instalacións do Palacio de Xustiza de Xixón

Alfonso Rueda na visita ás instalacións do Palacio da Xustiza de Xixón
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou hoxe unha visita ás instalacións do Palacio de Xustiza de Xixón co obxectivo de coñecer de primeira man o traballo feito neste gran proxecto que aglutina case o 30% da xustiza asturiana.
Rueda, acompañado polo conselleiro de Presidencia do Principado de Asturias, Guillermo Martínez e do director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín Álvarez, fixo un percorrido polas instalacións postas en servizo en 2013. Hai que destacar que este edificio foi construído pola mesma empresa que vén de resultar adxudicataria para executar o novo edificio xudicial de Pontevedra, Coprosa.
Durante a visita vicepresidente destacou a importancia da modernización da Xustiza a todos os niveis, empezando polas propias infraestruturas onde se desenvolve o traballo xudicial, unha modernización que beneficia tanto aos profesionais como aos cidadáns. Neste sentido, Rueda recordou que a Xunta ten en marcha un Plan de Infraestruturas Xudiciais, no leva investidos máis de 70 millóns de euros e que a finais deste ano terá rematadas ou en execución todas as grandes obras previstas.
Unha destas grandes obras que estará en execución nas próximas semanas será precisamente o novo edificio xudicial de Pontevedra, logo de que o pasado 21 de xuño se firmase o contrato entre a Xunta e a empresa adxudicataria. Segundo destacou o vicepresidente, permitirá dotar á cidade e á Administración de Xustiza dun edificio de máis de 20.000 metros cadrados, integrado coas instalacións actuais e con capacidade para albergar 25 unidades xudiciais. A Xunta prevé que esta nova dotación poida ser unha realidade unha realidade e estea plenamente operativa no ano 2018, logo dun investimento de 17 millóns de euros.
Na sede asturiana traballan 380 persoas
Cunha superficie similar á que terán as instalacións de Pontevedra (23.000 metros cadrados en Xixón), o Palacio de Xustiza de Xixón aglutina case o 30% da xustiza asturiana e alberga 26 xulgados, dúas seccións da Audiencia Provincial, Fiscalía de Área, xulgado de garda, oficina de asistencia a vítimas, sala de formación, calabozos, unidade técnica de xestión, unidade adscrita de Policía Xudicial, colexios de avogados e procuradores e arquivos, entre outros servizos.
A sede asturiana, na que se investiron 25,4 millóns de euros, dispón ademais de 19 salas de vistas e nel traballan 380 persoas: 285 funcionarios, 34 maxistrados, 13 fiscais, 29 secretarios xudiciais, 7 médicos forenses e 12 laborais.











