AGE cre que o informe da UE evidencia falta de calidade democrática en España
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) considera que o informe da Unión Europea, que se fixo público este xoves e que sinala que a investigación “non foi independente” e faltan “elementos clave” de análise, evidencia unha “falta de calidade democrática” en España e reclamou a “dimisión” da ministra de Fomento, Ana Pastor.
Na súa intervención, Antón Sánchez recordou que xa no último debate parlamentario no que se abordou a posibilidade de crear unha comisión de investigación sobre o accidente advertira de que “Europa ía evidenciar a baixa calidade democrática do Estado español”, o cal, dixo, xa aconteceu noutras cuestións como a lexislación hipotecaria que tombou a UE.
“Neste caso evidénciase a baixa democrática do Estado español, que evita unha comisión de investigación e pecha filas en torno ao lobby das infraestruturas, que estiveron a facer negocio opaco”, denunciou Antón Sánchez, quen recordou que a ministra de Fomento, Ana Pastor, “foi a primeira cuestión” que “defendeu”, que “non era un tramo de alta velocidade”, malia que “pouco antes, todos os gerifaltes “inauguraran” a liña como de “alta velocidade”.
Así mesmo, para o deputado de AGE, o informe da UE “evidencia que hai responsabilidades políticas e que, por moito que se resistan PP e PSOE, a verdade vai acabar saíndo e deben asumir responsabilidades políticas”.
Antón Sánchez recordou que, como consecuencia do accidente, “faleceron 81 persoas”. Un sinistro que, resaltou, foi o “máis grave” nunha liña ferroviaria, polo menos, na historia da democracia española. Por iso, insistiu na necesidade de “dirimir as responsabilidades políticas” e non se centrar en “cargar as tintas sobre un traballador”, xa que este pode ter as súas “responsabilidades”, pero “suprimírase” o sistema de seguridade máis alto e “non puxeron as condicións que paliasen” esa situación e “evitasen o caso de erro humano”.
Desta forma, AGE “esixiu a dimisión” de Ana Pastor, que “articulou unha investigación chafalleira” e reclamou unha “comisión de investigación”, como En Marea xa pediu no Congreso dos Deputados na última lexislatura e este grupo, xunto co BNG, reclamaron en numerosas ocasións na Cámara autonómica.
Antón Sánchez felicitou ás plataformas de vítimas pola súa “constancia” para que “saíse a realidade” á luz.
REPERCUSIÓN
Preguntado por se considera que este informe tamén pode influír na investigación xudicial, o vicevoceiro de AGE insistiu en que son “cuestións paralelas” e que, de feito, nos autos se recolleu que a Xustiza non é o ámbito para “dirimir as cuestións políticas”.
Así, evidenciou que, tanto os autos xudiciais como o informe da UE, coinciden na mesma esencia, en que “non se avaliou correctamente o risco”, posto que “a realidade é soa unha”, pero iso non quere dicir, precisou, que vaia influír o informe na actuación xudicial.
Iso si, recordou que a Audiencia Provincial da Coruña ordenou a reapertura do sumario xudicial. “Independentemente do resultado da actuación xudicial, reclamamos as responsabilidades políticas que non teñen nada que ver”, sentenciou.











