publicidade hoxe

A Xunta ultima a posta en funcionamento do centro de día de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

A Consellería de Política Social ultima a entrada en funcionamento -que se producirá ao longo do verán- do centro de día de Curtis, incluído na rede autonómica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O xerente dese ente, Perfecto Rodríguez, o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e responsables da empresa SIAD24 -adxudicataria da xestión do centro-, visitaron esta mañá os traballos no edificio onde se prestará ese servizo para os maiores, pendentes das últimas supervisións que os técnicos levan a cabo estes días.

O centro de atención diúrna, que está completamente equipado en canto a mobiliario, ten unha capacidade máxima de 40 prazas pero, como é habitual nestes casos, abrirá as súa portas de xeito gradual; nun primeiro momento, con 25 prazas. A administración autonómica xa remitiu ao Concello de Curtis o pasado 10 de xuño o convenio de colaboración entre ambas as dúas institucións para a xestión e financiamento do novo centro de día, que agora deberá aprobar o consistorio, antes de que comece o proceso de adxudicación de prazas.

Ese convenio de colaboración axústase xa aos novos criterios económicos que establece o Acordo Marco subscrito pola Consellería de Política Social e pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) o pasado 11 de maio, que fixa un custo por usuario e ano para todos os centros de día e escolas infantís dependentes do Consorcio.

Coa entrada en funcionamento do de Curtis, a rede de centros de día de titularidade autonómica, estará conformada por un total de 54 (con capacidade para 2.104 usuarios), aos que se suman 6 fogares residenciais e 1 residencia (capacidade para 170 usuarios) e 6 vivendas comunitarias (capacidade para 96 persoas).

A Consellería de Política Social está a acometer ademais un plan de obras de mellora de instalacións e mobiliario en centros de maiores, no que inviste máis de 600.000 euros, e que é posible grazas ao cumprimento por parte da comunidade autónoma do obxectivo do déficit.

5 de xullo de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.