A Xunta rematará nos próximos días a mellora nas travesías de Fisterra e A Anchoa
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Fisterra, José Manuel Marcote, supervisou hoxe as obras de reforzo de firme que se están a levar a cabo nas travesías de Fisterra e A Anchoa, que nos vindeiros días estarán rematadas.
Trátase dos treitos máis urbanos da estrada que vai a Cee, a AC-445, que están a ser obxecto de actuacións que incidirán na mellora da seguridade viaria e tamén nunha maior comodidade para os veciños e os usuarios da citada vía.
O Goberno galego financia este proxecto mediante a achega dun importe de máis de 206.000 euros.
Na travesía de Fisterra estes traballos xa se levaron a cabo e hoxe mesmo quedarán finalizados tamén na travesía da Anchoa. Só restan pequenos detalles, como a reposición da sinalización co pintado da estrada. Neste sentido, en cuestión de días as obras estarán totalmente finalizadas, a punto para a época na que a estrada rexistra maior intensidade de tráfico debido ao período vacacional.
Aínda que este tipo de actuacións sempre ocasionan certas incomodidades, polas que a Xunta pide desculpas aos veciños de Fisterra, sempre se minimiza o seu impacto, tendo finalizadas as obras xusto cando a vila rexistra a maior afluencia de visitantes.
As obras forman parte dun contrato de reforzos de firme que conta cun importe de 521.000 euros que inclúe melloras en treitos urbanos doutras tres estradas da provincia da Coruña: travesías de Portomouro, en Val do Dubra; Ponte Nafonso, en Outes; e Bertamiráns, en Ames.
Plan de reforzos de firme
Estas actuacións son froito da aposta da Xunta por reforzar a seguridade viaria e por manter en bo estado de conservación as estradas autonómicas. Así, os traballos enmárcanse no Plan de Reforzos de Firme que se está a desenvolver no Goberno galego, un plan que recolle investimentos este ano de máis de 23 millóns de euros e do que xa se licitou o 90 % dos quilómetros nos que se van actuar, case 600.
A finais desta semana a Xunta estará a executar obras de reforzo de firme coas que se mellorarán 90 km de estradas tan só na provincia da Coruña. O Goberno galego é consciente de que priorizar a conservación das estradas e investir na súa mellora supón velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar a súa calidade de vida.
A Consellería de Infraestruturas continuará a traballar nos vindeiros días e semanas en máis actuacións na rede viaria galega.