A Xunta pide que o Parlamento galego realice seguimento das negociones do ‘Brexit’
A Xunta reclamou que o Parlamento galego realice un “rigoroso seguimento” das negociacións para a saída do Reino Unido da Unión Europea polas “consecuencias” que pode provocar o ‘Brexit’ na economía galega.
O director xeral de Relacións Exteriores e Coa Unión Europea, Jesús María Gamallo, compareceu este xoves ante a Comisión Institucional da Cámara galega, onde sinalou a necesidade de que se faga un “debate serio” dos efectos que poida producir en Galicia a saída do Reino Unido do mercado común.
Neste sentido, advertiu que as negociacións da Unión Europea co Reino Unido non poden realizarse “de igual a igual”, ao tempo que advertiu que o “mercado interior non o poden parcelar” polo que mostrou a súa oposición a que a economía británica manteña a “libre circulación económica” cos países membros e non “a libre circulación de persoas”.
En concreto, Gamallo sinalou que o ‘Brexit’ pode afectar especialmente ao sector automovilístico e ao pesqueiro. En canto ao primeiro, indicou que a factoría de Citröen de Vigo exporta “un 14%” ao mercado británico, mentres que os “problemas” aos que se poden enfrontar os armadores galegos que faenan en augas das illas obrigan a unha “reavaliación” da estratexia do sector.
Así mesmo, tamén mostrou a súa preocupación polas “forzas de simulación” que poida provocar o ‘Brexit’ noutros estados membros e advertiu dos problemas que poden causar os “populistas” na Unión Europea, aos que pediu que “expliquen como funciona a ‘non Europa”.
Ante isto, os grupos da oposición pediron ao comparecente que “concretase” que entendía por “populismo” e que “chame ás cousas” polo seu nome”. “Por exemplo, Marine Le Pen non é populista, é unha fascista”, espetou a deputada nacionalista Tareixa Paz.
RELACIÓN DE VIAXES
Por outra banda, o motivo da comparecencia de Jesús García Gamallo foi para dar conta das viaxes institucionais realizadas por cargos da Xunta no primeiro semestre do ano, entre os que destacou as visitas do presidente galego a Arxentina, Uruguai e Cuba ou as saídas dos diferentes responsables de área a Bruxelas para tratar temas comunitarios.
Os grupos parlamentarios da oposición afearon a “falta de resultados” destas viaxes institucionais que carecen de “plans de acción previos”. O deputado de AGE Xabier Ron asegurou que a comparecencia recordoulle “á anterior” –que tivo lugar a finais de 2015– e que se carecterizou por “unha sobresaturación informativa que impide ver cara a onde conduce ese fío”, ao tempo que cuestionou os resultados dos “numerosos memorandos” asinados polos responsables da Xunta nas súas visitas a diferentes países.
Pola súa banda, a socialista Noela Blanco cualificou de “ritual baleiro de contido político” a presenza do responsable de relacións exteriores da Xunta, ademais de asegurar que as viaxes do presidente “só” as realiza con “interlocutores próximos ideoloxicamente”.
Ante isto, o voceiro na comisión do grupo popular, Miguel Tellado, mostrou a súa “preocupación” por que sexan os grupos do BNG e de AGE os que “fagan unha oposición máis activa” e que os socialistas “se dediquen a dinamitar o traballo” do Goberno galego.
Así mesmo, Tellado asegurou que hai “indicadores”, como os datos de exportación e turismo, que “mostran” que o traballo en materia exterior “vai por bo camiño” e negou a “improvisación” da que fala a oposición porque o Goberno de Feijóo “foi o primeiro en regular a acción exterior”.











