A Xunta inviste 6,6 millóns de euros para melloras e reformas de ata 25 centros educativos de Vigo
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá, en rolda de prensa, dos centros educativos da área metropolitana nos que a Xunta de Galicia está a destinar un importante investimento para a mellora das súas infraestruturas.
Só en centros educativos de Vigo a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará máis de 6,6 millóns de euros para atender as demandas de ata 25 centros educativos da cidade. Outros municipios da área territorial con partidas destinadas para melloras en infraestruturas educativas son Soutomaior, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Porriño e Redondela.
O delegado destacou que estas inversións proveñen das partidas de presuposto ordinarias e do fondo de superávit de responsabilidade, que permitiu á Xunta de Galicia destinar este ano unha gran partida a melloras no ámbito da educación. As actuacións de reforma se levarán a cabo en centros de educación primaria e secundaria, centros de educación especial e o Conservatorio Profesional de Música de Vigo.
López–Chaves aclarou que os centros beneficiados son os que presentaban unhas “maiores necesidades” atendendo ás “demandas máis urxentes” segundo os criterios técnicos.
O delegado territorial informou tamén de que a maioría destas obras executaranse durante este verán “cando se suspenden as clases e non hai actividade docente” para non interromper o normal desenvolvemento do curso escolar, aínda que, coma especificou, existen algúns casos, como o do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao en Navia onde as obras poderanse executar durante o curso escolar xa que a súa primeira fase –que xa está en proceso de licitación por 1,8 millóns de euros- non se realizará na parcela actual do centro.
Neste senso, López-Chaves lembrou que Educación aínda está á espera de que o Concello de Vigo firme o convenio de cesión dos terreos. Aínda así, a Xunta decidiu licitar xa a obra para “adiantar o proxecto” e avanzar na súa tramitación. De todos xeitos, coma advertiu, a obra non poderá ser adxudicada mentres o goberno local non ceda a parcela.











