A Xunta investirá 830.000 euros para acometer melloras en materia de saneamento e urbanismo na cidade de Ourense
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá 830.000 euros na cidade de Ourense para acometer melloras en materia de saneamento, especialmente en puntos do rural, e para humanizar certos espazos urbanos.
Así o avanzaron hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde, Jesús Vázquez, durante unha xuntanza de traballo, na que asinaron o convenio de colaboración que permitirá a execución de novas infraestruturas hidráulicas, dotado con 600.000 euros por parte do Goberno Galego.
“Imos mellorar a rede de saneamento de distintas parroquias ourensás, e imos ampliala naqueles punto onde aínda non dispoñen dela”, explicou Mato, quen subliñou que estas infraestruturas permiten eliminar puntos de vertedura e mellorar, así, a calidade das augas do río da contorna.
Con este acordo, dáse un paso máis no compromiso do Goberno galego co saneamento na cidade das Burgas, na que xa se teñen investido 11 millóns de euros desde 2009, destacando de forma especial o orzamento destinado á construción da nova EDAR.
“O noso compromiso co abastecemento e o saneamento é firme”, indicou a conselleira, “porque poder contar con auga potable e un saneamento de calidade é un dereito esencial de todos os seres humanos”. Grazas a esta aposta, o Goberno galego ten destinado 113 millóns de euros a actuacións de abastecemento desde 2009, e 1.000 millóns a medidas de saneamento e depuración.
Colaboración en materia de urbanismo
No que respecta á colaboración en materia de urbanismo, a conselleira avanzou que o concello presentou un proxecto enmarcado no Plan Hurbe, que ten como obxectivo mellorar a humanización dos espazos urbanos de Galicia.
A actuación, na que o Goberno galego investirá uns 230.000 euros, permitirá mellorar a praza e a alameda de Covadonga. Na actualidade a Consellería de Medio Ambiente está a redactar o convenio de colaboración no que se recollerán as obrigas e deberes de cada administración, e que –tras a súa sinatura- permitirá licitar as obras, co fin de poder iniciar as mesmas ao longo do mes de outubro.
Mato recordou que, ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións en toda Galicia, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda a Comunidade ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.











