A Xunta investirá 2,6 millóns de euros na execución de 13 novas sendas na comarca de Ourense
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde, Jesús Vázquez; e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; presentou hoxe as actuacións do Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, onde se executarán 13 novas sendas, que suman 16 km e un investimento de máis de 2,6 millóns de euros.
Vázquez Mourelle concretou que a Xunta xa ten o estudo rematado e agora encargarase a redacción dos proxectos que permitirán executar as obras nos distintos treitos de sendas cualificados como necesarios e prioritarios. Engadiu que ao longo do outono os técnicos contactarán cos alcaldes dos distintos municipios para concretar os proxectos dos itinerarios peonís e ciclistas e avanzar nos detalles técnicos.
A conselleira explicou que antes de que finalice o ano estarán en redacción todos os proxectos das sendas da comarca de Ourense, para proceder á licitación das obras a medida que se vaian recibindo.
Ethel Vázquez subliñou que esta iniciativa ten como obxectivo que os veciños de Ourense e do seu contorno poidan ter, canto antes, sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe para realizar os seus itinerarios habituais.
O Goberno galego inclúe neste proxecto sendas como as seguintes: parques empresariais, A Ponte Sevilla, A Derrasa, Montealegre, A Medorra, Valdorregueiro, Reza, Paiseo, Rabaza, Perdigón, Santa Baia e As Vendas.
Plan de Sendas de Galicia
Estas actuacións presentadas hoxe en Ourense forman parte do Plan de Sendas de Galicia, na súa segunda fase. Cabe salientar que entre a 1ª e a 2ª fase do plan, desde a Xunta estase a impulsar a construción de 95 novas sendas, case 125 novos km de itinerarios peonís e ciclistas en 11 comarcas de Galicia, que suporán un investimento de preto de 37 millóns de euros.
A conselleira destacou que, para a execución desas sendas, a Xunta dispón dos fondos garantidos e consignados nos Orzamentos logo dun importante labor de xestión ante a Unión Europea.
Cómpre lembrar que no mes de marzo comezouse a desenvolver a 1ª Fase do Plan en 7 comarcas galegas, que recolle a construción de 55 novas sendas e máis de 75 km para peóns e ciclistas, que suporán un investimento de máis de 26 millóns de euros. Trátase de 49 proxectos: 4 obras están xa en execución; 8 proxectos entregados, 4 deles en información pública; e os outros 37 proxectos en redacción.
A conselleira sinalou que a principios do mes de abril convidouse aos concellos doutras catro comarcas galegas a participar na 2ª fase do Plan: Ourense, Lugo, de Pontevedra e Morrazo. Nesta 2ª fase acometeranse nestas catro comarcas 40 novas sendas e un total 49 KM, que suporán un investimento de 10,5 millóns de euros.
Este Plan alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.
Con estas actuacións búscase protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Na Xunta, trabállase para reforzar a seguridade das estradas, unha materia absolutamente prioritaria para o Executivo autonómico, porque se trata da vida e da integridade das persoas.
As sendas tamén promoven unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro, promovendo sendas útiles e saudables.
Este Plan parte dunha análise global do territorio de toda a Comunidade, priorizando aquelas comarcas nas que actuar primeiramente, atendendo a factores como a situación dos núcleos de poboación, os servizos e os equipamentos; o tráfico e a sinistralidade que rexistra cada treito da estrada; a orografía e as pendentes do terreo; o clima; a facilidade de implantación ou a posibilidade de conectar con percorridos xa existentes.











