A Xunta investirá 250.000 euros en melloras estruturais do IES Repúplica Oriental de Uruguai e do IES Rosais 2 de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitou esta mañá o IES República Oriental de Uruguai con motivo dos traballos de cambio da cuberta do edificio.

Xunto ao xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, e persoal da unidade técnica, estivo reunido con responsables do equipo directivo do IES para constatar de primeira man as necesidades do centro. López-Chaves aproveitou tamén a ocasión para visitar o IES Rosais 2, onde a Administración autonómica investirá outros 62.000 euros para a mellora dos seus sistemas de fontanería e calefacción. En total, estas dúas actuacións de melloras estruturais supoñen un investimento que chega case aos 250.000 euros

A reforma no IES República Oriental de Uruguai, que contará no próximo ano con preto de 340 alumnos, se prevé que estea rematada para o inicio do próximo ano lectivo 2016/2017. A adxudicación da obra farase en 15 días, e os traballos contan cun prazo de execución dun mes e medio. Deste xeito, os traballos non incidirán no desenvolvemento habitual do curso e se prevé que se poida cumprir con normalidade o calendario escolar.

A obra consistirá na reparación da cuberta, cunha superficie de 1.819,71m2 e actualmente de fibrocemento, para cambiala por panel nevado de dobre chapa lacada. Realizarase a colocación do novo material de cubrición, remates, canlóns e baixantes na cuberta. Para a elección da nova cuberta tívose en conta a zona climática, o grao de impermeabilidade, a recollida de augas pluviais, a resistencia ao lume e as condicións de illamento acústico.

Estas melloras nas instalacións no IES República Oriental de Uruguai e no IES Rosais 2 súmanse a outros investimentos da Xunta de Galicia nos centros educativos da cidade olívica. Así pois, hoxe mesmo vén de publicarse no DOG a licitación da primeira fase da obra de ampliación do CEIP Rodríguez Castelao de Navia, que conta cunha inversión de 1,8 milllóns de euros. Ademais, cabe destacar a ampliación do IES de Teis cuxa licitación publicouse este mes cun investimento superior aos 1,6 millóns de euros.

13 de xullo de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.