A Xunta insta aos Concellos da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Lugo a adoptar as medidas para estender a gratuidade ao transporte urbano para menores de 18 anos
A Xunta insta aos Concellos da Coruña, Vigo, Santiago, Ourense e Lugo a adoptar as medidas necesarias para estender ao transporte urbano a gratuidade para menores de 18 anos, en cumprimento da solicitude realizada pola Cámara galega. Así, llelo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mediante unha misiva.
Nestes escritos enviados hoxe aos citados concellos, indícase que en sintonía co esforzo que está a facer a Xunta para promocionar o transporte público, o pasado 28 de xuño o Pleno do Parlamento de Galicia debateu e aprobou unha iniciativa instando ao Goberno galego a dirixirse aos municipios que contan con transporte urbano para sumarse a estas condicións vantaxosas para os mozos.
A Consellería de Infraestruturas está a implantar o transporte gratuíto para máis de 200.000 nenos e mozos de ata 18 anos no transporte metropolitano de competencia autonómica, o interurbano.
O obxectivo desta iniciativa é garantir un mellor futuro á mocidade galega, a través dunha medida de claro compoñente social, ao contribuír á economía das familias. Tamén hai unha compoñente educativa, ao facilitar o acceso á formación non obrigatoria, estendendo a gratuidade do transporte aos centros e a outros desprazamentos habituais dos nenos e mozos. Trátase de fomentar entre os máis novos unha mobilidade sustentable e respectuosa co medio, concienciándoos dende cativos das vantaxes do transporte público fronte ao vehículo particular.
A Xunta está a impulsar o Plan de Transporte Metropolitano en seis áreas de Galicia, un plan social que ten permitido a bonificación das viaxes de millón e medio de galegos que residen nos 74 concellos beneficiados e un aforro de 45 millóns de euros aos usuarios.











