publicidade hoxe

A Xunta iniciará a finais deste ano a construción da nova senda segura e sostible entre Carballo e o parque empresarial de Bértoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Ethel Vázquez e Diego Calvo na reunión co alcalde de Carballo. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez e Diego Calvo na reunión co alcalde de Carballo. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, na que lle trasladou que a Xunta comezará a finais deste ano a nova senda entre o núcleo de Carballo e o parque empresarial de Bértoa, cuxa previsión de remate é o vindeiro verán.

Vázquez Mourelle explicou que se van incorporar ao proxecto os últimos axustes acordados co concello e unha vez modificado, procederase á licitación das obras, a finais de agosto ou principios de setembro.

Trátase da nova senda na estrada que une A Coruña e Cee, na AC-552, un itinerario peonil e carril bici ao longo de 1,5 km, que se construirá pola marxe dereita da vía, polo lado do polígono industrial. Esta actuación, enmarcada na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, contará cun orzamento de máis dun millón de euros, que será financiado nun 70 % pola Xunta e o Concello achegará o importe restante.

A conselleira indicou que o itinerario será de gran amplitude, un ancho duns 9 metros, que posibilitará contar cunha senda peonil, un carril bici e unha zona axardinada perfectamente diferenciados. Engadiu que o proxecto tamén prevé a habilitación de aparcadoiros en todas aquelas zonas onde exista espazo suficiente.

Neste proxecto vaise actuar tanto na superficie, construíndo a franxa vexetal, o carril bici e un espazo para o tránsito de peóns; como no que non se ve, coa renovación dos servizos como o saneamento, a electricidade ou o gas.

A titular de Infraestruturas subliñou que o obxectivo destes traballos é poñer á disposición dos veciños de Carballo un novo itinerario que una o núcleo de poboación coa zona industrial, na que, por certo, o Goberno galego está a impulsar a actividade, coa venda de solo a prezos bonificados.

A nova senda permitiralles aos veciños poder desprazarse diariamente ao seu lugar de traballo -ou ir ata algunha das empresas asentadas no parque empresarial- a pé ou en bici empregando sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe.

Coordinación de tarefas

A conselleira confirmoulle hoxe ao rexedor de Carballo a aposta da Xunta por este proxecto e faise público o seu deseño, que foi traballado por técnicos das dúas administracións. Ademais acordouse a sinatura dun protocolo de colaboración entre Xunta e Concello, co fin de coordinar as distintas actuacións que se levarán a cabo.

Desde a Xunta procederán á construción da senda e encargaranse da urbanización, do saneamento e da canalización das augas pluviais. Tamén levarán a cabo a instalación de báculos e luminarias LED.

Pola súa parte, o Concello de Carballo pon á disposición os terreos necesarios e encargarase da reposición dos servizos de telecomunicacións, gas e electricidade.

Plan de Sendas de Galicia

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia, que concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís e para bicis. Nunha primeira fase acometeranse 55 novas sendas e un total 75 km,, que suporán un investimento de 26,3 millóns de euros e progresivamente avanzarase nesta medida ata ter completados os 170 novos quilómetros de sendas.

Cómpre lembrar que para a comarca de Bergantiños prevense, nunha primeira fase, un investimento de máis de 4 millóns de euros para a construción de 7 sendas. Así, no concello carballés levaranse a cabo a abordada hoxe, Carballo- Bértoa; e tamén a que conecta Carballo con Coristanco. As outras sendas contempladas para a bisbarra son: Laracha- Paiosaco; Laracha- O Cancelo; Laxe- Equipamentos- P.Marítimo; Xornes- Buño- Canta la Rana; e Neaño- Cabana.

20 de xullo de 2016 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.