A Xunta inicia este verán os trámites das expropiacións para executar as obras de mellora da estrada entre Campo Lameiro e Vichocuntín

Ethel Vázquez na visita ao Concello de Cerdedo
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Cerdedo e mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde, José Balseiros, na que lle trasladou que a Xunta iniciará este verán os trámites das expropiacións para executar a mellora da estrada entre Campo Lameiro e Vichocuntín (PO-320), que contará cun investimento duns 750.000 euros.
Vázquez Mourelle explicou que o seu departamento está a traballar na redacción do proxecto, polo que neste verán comezarase a información pública a efectos de iniciar o trámite expropiatorio.
Os traballos consistirán na mellora e no ensanche da estrada, desde a ponte do río Quireza ata o cruce coa N-541. Actuarase ao longo de 1,8 KM, ampliándose a estrada ata acadar un ancho de 7 metros e mellorando o seu trazado para evitar as curvas máis pronunciadas neste treito.
A titular de Infraestruturas salientou que esta actuación suporá un incremento da seguridade viaria e da mellora da mobilidade dos veciños de Cerdedo.
Rehabilitación de 10 vivendas
Por outra parte, a conselleira e o rexedor tamén visitaron as 10 vivendas públicas situadas na rúa das Longas, que a Xunta se comprometeu a rehabilitar, para o que xa se está a elaborar un proxecto.
En anteriores reunións o alcalde xa tiña trasladado o seu interese por que estes inmobles que antes ocupaban os mestres do CEIP San Xoán Bautista fosen renovados e destinados a vivendas de promoción pública.
Ethel Vázquez destaca que os compromisos da Xunta co Concello de Cerdedo amosan o apoio do Goberno galego aos municipios que apostan pola cooperación para a prestación de servizos e a eficiencia nos recursos.