publicidade hoxe

A Xunta inicia os estudos para a implantación do Plan de Transporte Metropolitano en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarroCampo LameiroCotobadeLocal PortadaMarínPoioPonte CaldelasPontevedraPontevedraSoutomaiorVilaboa
A-
A+

A Xunta comezará este ano os estudos para a implantación do Plan de Transporte Metropolitano en Pontevedra. A Consellería de Infraestruturas publica hoxe no DOG o contrato de servizos e de asesoramento e asistencia á Dirección Xeral de Mobilidade en materia de transporte público colectivo regular de uso xeral: http://goo.gl/AWL2Bh

Este contrato inclúe os estudos previos á implantación do Plan nos 9 concellos da área metropolitana de Pontevedra, realizando un cálculo dos niveis de compensación aos operadores ou a estimación de custes para a administración.

Os concellos integrantes do PTM serían: Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Marín, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior e Vilaboa.

A Xunta prevé facer este mesmo ano os traballos de campo necesarios precisos como as enquisas de mobilidade para completar os estudos previos. Unha vez finalizados estes traballos, remitirase un borrador de convenio aos concellos da área.
Cómpre lembrar que a área metropolitana de Pontevedra presenta a particularidade de que o concello de Pontevedra carece de bus urbano propio, ao igual que o concello de Ferrol, polo que o servizo se presta con liñas interurbanas.

Plan social de transporte

o Plan de Transporte Metropolitano é un plan social impulsado pola Xunta de Galicia que persegue fomentar o uso do transporte publico colectivo ao tempo que axuda, de xeito importante, á economía das familias.

Cómpre lembrar que o uso da Tarxeta de Transporte Metropolitano permítelle aos galegos descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas;a aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes, bonificacións adicionais do 15%; e os membros das familias numerosas teñen dereito a descontos de ata o 50% (do 20% se son de categoría normal; e do 50% se son de categoría especial).

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de iniciar a tramitación coa que as viaxes interurbanas do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia (PTM) serán gratuítas para usuarios de ata os 18 anos, inclusive.

Esta tarifa, que leva por nome Xente Nova, consiste na gratuidade para este colectivo nas viaxes metropolitanas interurbanas realizadas dentro do ámbito do PTM, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por persoa.

22 de xullo de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.