A Xunta inicia a rehabilitación de firme na estrada AC-132 ao seu paso polo concello de Mugardos
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia hoxe as obras de rehabilitación de firme na estrada AC-132, ao seu paso polo Concello de Mugardos.
Os traballos foron adxudicados á empresa CANARGA por un importe de máis de 38.000 euros.
Estas actuacións levaranse a cabo no treito desta estrada autonómica comprendido entre os PK 0+200 e 1+200.
O proxecto contempla accións que consistirán na pavimentación dos puntos deteriorados e posterior pintado.
Estas actuacións son froito da aposta da Xunta por reforzar a seguridade viaria e por manter en bo estado de conservación as estradas autonómicas. Así, os traballos enmárcanse no Plan de Reforzos de Firme que se está a desenvolver no Goberno galego, un plan que recolle investimentos este ano de máis de 23 millóns de euros e do que xa se licitou o 90 % dos quilómetros nos que se van actuar, case 600.
A finais desta semana o Goberno galego estará a executar obras de reforzo de firme coas que se mellorarán 90 km de estradas tan só na provincia da Coruña
Desvío do tráfico
Para a execución destas obras será preciso realizar un corte de tráfico no treito, entre hoxe e mañá, xa que o ancho desta estrada é reducido (5 m) e non permite efectuar o asfaltado por carrís, posto que non habería espazo suficiente para a maquinaria e o paso de vehículos en condicións de seguridade.
A Xunta programou un corte total do tramo e a realización do asfaltado a calzada completa, que é o procedemento máis áxil. Así, pecharase todo o intervalo, dende a glorieta da Gallada ata o PK 1+200. Sinalizarase un desvío alternativo a través da AC-133, tal como amosa o seguinte plano.