publicidade hoxe

A Xunta incrementará nun 16% as axudas para o fomento da apicultura no vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaQuiroga
A-
A+

A Xunta achegará o vindeiro ano un total de 520.000 euros en axudas para o fomento da apicultura na nosa comunidade. Este importe é un 16,6% superior ao destinado nesta convocatoria de 2016, que foi de 445.896 euros, cun total de 13 beneficiarios, entre eles as principais asociacións do sector.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, destacou hoxe a importancia destas axudas na súa visita á explotación apícola Cauru Sociedade Cooperativa Galega, situada no concello lugués de Quiroga.

A conselleira salientou ademais que na próxima convocatoria incluirase, como novidade, a posibilidade de apoiar investimentos relacionados coa loita contra a vespa velutina. Esta finalidade engadirase ás liñas de actuación que xa se veñen financiando, como son a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase e a racionalización da transhumancia. Os beneficiarios destas axudas son titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores.

Neste acto, Ángeles Vázquez sinalou tamén que o apícola é un sector de futuro en Galicia, como se demostra pola evolución do número de colmeas no último ano, que pasou de 113.844 no 2015 a 140.794 en 2016, o que representa un incremento superior ao 23%.

Cooperativa Cauru

A empresa apícola visitada hoxe pola conselleira comezou a súa actividade no ano 2004, dedicándose dende entón á elaboración e comercialización de mel ecolóxica, de pole e á extracción de cera. Produciu no exercicio 2015 máis de 44.000 quilos de mel e 580 de cera. Os principais destinos dos seus produtos son a propia Galicia, Cataluña e Levante.

Todos os apicultores teñen as súas colmeas situadas en terras do municipio de Quiroga e do Caurel, polo tanto o mel elaborado na cooperativa ten procedencia exclusivamente galega. Dende 2014 esta empresa recibiu axudas de Medio Rural por importe de algo máis de 25.000 euros, destinados a mellorar os seus procesos de produción e comercialización.

4 de xullo de 2016 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.