A Xunta financia a contratación de 112 socorristas para as praias e piscinas dos concellos da provincia de Lugo que o solicitaron
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, facilitará a contratación de cento doce socorristas, que velarán durante o verán pola seguridade nas praias e piscinas dos trinta e oito concellos da provincia que solicitaron este servizo, segundo explicou a delegada territorial Raquel Arias durante o encontro que mantivo hoxe, na praia da Rapadoira, cos profesionais que prestarán servizo no Concello de Foz.
A delegada participou, xunto co alcalde Javier Jorge Castiñeira, no izado da bandeira azul neste areal co distintivo de 30 anos. “O caso da Rapadoira é un caso único na Mariña posto que durante tres décadas ondeou sen interrupción a bandeira azul”, dixo Arias, quen desexou que continúe así no futuro e animou a que “todos poñamos o noso gran de area para logralo”.
Neste senso, a delegada da Xunta puxo en valor que Foz conte con seis das vinte e dous praias da Mariña que teñen este distintivo, que recoñece a excelente calidade da auga, uns servizos axeitados e unha xestión ambiental sustentable.
No que atinxe ao investimento en axudas para a contratación de persoal de socorrismo, este supera os 335.000 euros, cifra algo superior á dedicada o pasado exercicio. Tamén se incrementou en cinco o número do concellos beneficiarios e en seis o de socorristas.
Segundo explicou Arias, “as axudas da Xunta de Galicia permiten aos municipios da costa contar con persoal suficiente para a vixilancia das praias durante os meses de tempada alta, pero tamén benefician a municipios do interior que contratan persoal de salvamento para atender as piscinas e as praias fluviais”.
Así, no conxunto da provincia e durante os meses de verán, setenta e sete socorristas encargaranse de garantir a seguridade no litoral, vinte e nove nas piscinas e seis nas praias fluviais.
No que respecta á comarca da Mariña, exercerán labores de salvamento oitenta e cinco socorristas, cinco deles en piscinas.
Estas axudas para a contratación de persoal de emerxencia enmárcanse na liña de cooperación administrativa entre a Xunta de Galicia e as administracións locais. Así, a consellería sufraga a totalidade dos custos laborais dos socorristas durante os meses de xullo e agosto, mentres que os concellos realizan as xestións de selección de persoal e contratación.











